A CIG no Concello de Ferrol rexeita a decisión de pechar a oficina do Catastro e deixar na rúa a dúas traballadoras
A CIG no Concello de Ferrol traslada o seu rexeitamento e total desacordo coa decisión do Goberno local de pechar a oficina que resolvía os asuntos relativos ao Catastro, deixando na rúa as dúas traballadoras que atendían o servizo dende hai 17 anos. Para a representación da central nacionalista, este "non é o xeito máis correcto de proceder, pois nin sequera se informou ás propias traballadoras, que tiveron coñecemento da situación o día anterior ao peche da oficina".
Subliñan que, existindo alternativas para (pois a data de finalización do contrato coñecíase con anterioridade), non se entende que non se optase por unha solución que garantira a continuidade do servizo e, polo tanto, dos postos de traballo que agora se perden. "Se a opción é recuperar a xestión para asumila polo propio Concello, consideramos que deberían de subrogar tamén o persoal especializado que fai estas tarefas. Se o que se pretende é dar traslado do servizo a outra empresa, debería garantirse o dereito das traballadoras a manter o seu posto de traballo", apuntan.
Recorte na atención á cidadanía
A representación da CIG critica a postura do Goberno municipal ao non ter en conta con esta decisión nin a atención á cidadanía, que vai ver os seus expedientes, reclamacións, xestións etc., paralizados, véndose na abriga de ter que desprazarse até á Coruña para podelos resolver, nin a perda de dous postos de traballo "o que é aínda mais grave se cabe, no momento actual que nos toca vivir".
Así mesmo, explican que outra das consecuencias do peche deste servizo é, polo que se expresou publicamente, a asunción destas tarefas polo Concello, "que en lugar de incrementar o cadro de persoal, o que fai e sobrecargar o servizo que teña que asumir ese traballo, cando a administración local está saturada xa dende hai moito tempo con medios materiais e humanos totalmente precarios".
A isto engaden que o persoal que teña que levar a cabo este traballo terá que recibir formación específica para poder sacar adiante esta tarefa, "o que supón dilatar no tempo a resolución de todos os temas que actualmente estean pendentes".
Por todo isto, a representación da CIG demanda do Goberno Local unha solución inmediata que garanta a continuidade do servizo e dos postos de traballo existentes até o remate do contrato.