A CIG en Navantia Ferrol teme que as inversións para a modernización do estaleiro corran perigo
A Sección Sindical da CIG en Navantia Ferrol amosa a súa profunda preocupación pola posibilidade de que periguen as inversións comprometidas para a modernización dos estaleiros da ría e que o proxecto Estaleiro 4.0 acabe reducido a "outro parche máis". Así se desprende da xuntanza na que a dirección da empresa informou de que, en lugar do macroproxecto orixinal de transformación das instalacións, agora está a estudo unha solución menor sen concretar.
Esiximos que, cos estudos ambientais e socioeconómicos pertinentes, se poñan en marcha de inmediato as inversións para a modernización de Navantia Ferrol"
"Esiximos que, cos estudos ambientais e socioeconómicos máis rigorosos e pertinentes, se poñan en marcha de forma inmediata as inversións que se anunciaron no seu momento para a modernización das instalacións de Navantia na Ría de Ferrol, para poñela no mapa do futuro da construción naval. Non queremos un parche que sirva para ir minguando a súa capacidade e ter xustificación para unha agresión máis a esta comarca", aseveran.
Este temor xorde tras da xuntanza mantida coa empresa para coñecer a evolución do mencionado proxecto, que foi solicitada logo das noticias aparecidas na prensa e da publicación no BOE dos requirimentos de Medio Ambiente pedindo informes e estudos máis exhaustivos sobre o impacto das obras; así como das opinións dos concellos, asociacións e organismos afectados.
"Consideramos que se deben tratar, estudar e corrixir todas as deficiencias e a empresa debe facer todos os trámites ordinarios e obrigatorios para levar adiante o proxecto. Para informarnos da evolución do mesmo, foi que lle pedimos a xuntanza", apuntan.
Desa reunión, na que se ofreceron explicacións detalladas, a representación da CIG saíu "cunha profunda preocupación e sorpresa", tirando como conclusión que "a alta dirección está a dar bandazos perigosos" que poden, "cando menos, demorar ou dar ao traste con dita inversión". Unha inversión que, lembran, viña da man do proxecto das Fragatas F-110 e que tiñan nel a súa base orzamentaria.
Transformación integral
No marco dese proxecto cara ao Estaleiro 4.0, o elemento chave constitúeo a instalación dun dique cuberto, cunhas dimensións adecuadas para poder construír varios barcos á vez, nunhas condición modernas de equipamento, elevación, depuración, etc., ao resgardo das condicións meteorolóxicas, cun fluxo entre as distintas fases construtivas concentradas arredor del, a construción de novos talleres, etc. Unha transformación que remataría nunha reorganización e actualización completa do estaleiro. Algo que, destaca a Sección Sindical, "se nos sinalou como imprescindíbel para a supervivencia da empresa".
Con profunda preocupación e sorpresa, vemos como a alta dirección está a dar bandazos perigosos"
Porén, para sorpresa da representación do persoal, a dirección informou que agora está en estudo, no canto dese proxecto inicial, unha solución menor sen concretar, "polo cal, o anterior pasa de ser un proxecto inmediato a un proxecto a longo prazo que non pode sustentarse no orzamento das fragatas, e que esta nova “solución” si pode facelo a conta do orzamento das F-110".
Facer fronte común
Para a Sección Sindical da CIG dita modernización e o proxecto que o acompañaba, "pode ser outro canto de serea, ao igual que o foron as inversións que no seu momento se prometeron para a outra beira da Ría e esteamos diante dun parche máis que lles serva de escusa para falar de estaleiro 4.0".
De cara a evitar que se cumpran estes temores, a representación da CIG en Navantia fai un chamado as organizacións políticas e sociais para que "tomen cartas nun asunto de vital importancia para o futuro de Ferrolterra" e instan a facer "unha fronte común" para esixirlle tanto ao Estado como á Xunta "a materialización de dito proxecto e poñer enriba da mesa o financiamento requirido".