A CIG-Navantia reitera que non haberá futuro para os estaleiros sen dique e sen investir en Reparacións
A sección sindical da CIG en Navantia reitera que o dique de novas construcións é unha ferramenta vital para facer do estaleiro competitivo, polo que non se pode admitir que a súa construción dependa de acceder a un contrato con Australia ou de que se obteñan beneficios. Subliñan que Navantia é unha empresa pública propiedade do Estado e que, polo tanto, o Goberno español ten unha responsabilidade coa comarca, garantindo futuro para as instalacións.
A representación da CIG fixo estas consideracións ao fío da reunión mantida a pasada semana entre o comité e o alcalde de Ferrol e critican que tanto o máximo responsábel do Concello como a maioría do comité asuman os argumentos e "fagan de voceiros da propia dirección de Navantia e da SEPI".
A sección sindical advirte tamén do deterioro que sofre o departamento de Reparacións "literalmente abandonado pola empresa", malia ser a actividade que sostén o emprego e unha parte moi importante da economía da comarca, en situacións como a que se vén padecendo nos últimos anos de falta de carga de traballo en novas construcións.
Reparacións, engaden, está a xerar beneficios, "pero négaselle o futuro mais tamén o presente", ao non materializarse os investimentos urxentes que precisa nin garantirse a construción do novo dique. E neste senso, a representación da CIG alerta que se están rexeitando contratos para o estaleiro de Ferrol pola falta de capacidade, nun sector que ademais está en alza.
"Todo parece indicar que se non o remediamos imos camiño dunha nova morte anunciada, diferida no tempo si, pero por inanición. Desbotada xa a construción naval en Fene, se non o evitamos, atoparémonos nun futuro non moi afastado con Ferrol como un mero estaleiro de sínteses ao servizo exclusivo da Armada española", alertan.
"Por moitas incorporacións de persoal que nos vendan, se non dispoñemos de infraestruturas non haberá futuro". Por iso, reiteran a responsabilidade das distintas institucións coa comarca, "pero en especial dos partidos políticos que gobernan tanto no Estado español como na Xunta de Galiza".