CIG-Navantia: "A reparación do Blue-Star ten que facerse en Ferrol, moitos postos de traballo están en xogo".
A Cig-Navantia Ferrol fai un chamamento á dirección da empresa pública para que faga o máximo esforzo para que a reparación do barco que encallou na Ría de Ares, actualmente no dique de carenas, remate realizándose nestas instalacións. xa que se trata dunha reparación de envergadura que xeraría moitos postos de traballo.
"Non podemos admitir nin é de recibo que, coa obra que ten no seu casco, fundamentalmente de aceiros, pero tamén de mecánica e monturas, non se aproveite esta oportunidade para darlle continuidade nas tarefas a compañeiros/as da industria auxiliar que se están quedando sen traballo precisamante nesta área, e que dentro duns meses van ser moitos máis sen alternativa algunha".
Dende CIG-Navantia Ferrol demandan tamén as autoridades políticas competentes "para que movan todos os fíos" para que a obra remate facéndose en Navantia. Neste senso, subliñan que "non podemos pasar por sufrir todos os males dun encallamento e os posíbeis perigos e logo os posíbeis beneficios en forma de traballo vaian para fóra da comarca sen que ninguén mova un dedo".
Nesta liña, instan a que se informe á compañía propietaria das vantaxes e beneficios que ten reparar en Ferrol a embarcación, "evitando os custes de levalo a outro lugar, tanto económicos como técnicos e de perigosidade, xa que aquí está máis que demostrado que non hai ningún impedimento nin de capacidade nin tecnolóxico para afrontar dita reparación. Polo tanto se non se fan os esforzos necesarios lamentaremos unha vez máis como se vai unha oportunidade que paliaría un momento importante na baixada de carga de traballo nesta comarca".