A CIG-Navantia insta a dirección a avanzar no proceso de acceso baixo criterios de obxectividade
Esta semana, os sindicatos que fan parte da Comisión Central de Emprego -CCOO, CIG, CSIF, MAS e UGT- remitiron á dirección de Navantia unha proposta de marco xeral para a convocatoria de prazas de acceso correspondente ao presente ano 2020. "É un acordo por unanimidade, sinala a sección sindical da CIG, para dispormos dunhas bases que mellorarían de xeito importante a convocatoria para persoas tituladas universitarias correspondente a 2019, que se está a realizar agora".
Para a CIG-Navantia un elemento fundamental nesta proposta "é a obxectividade". O acceso de operarios/as a Navantia foi historicamente con probas obxectivas -exames- que procuraban a igualdade de oportunidades que a sociedade demanda para o acceso a unha empresa pública.
"Neste novo acordo, o acceso de titulados/as universitarios para 2020 tamén se realizaría en condicións semellantes de obxectividade e transparencia. Sería con exame para as prazas con menos experiencia, júnior, e con exame e baremo de méritos para persoas con máis experiencia, sénior", aclaran.
Diante disto, a sección sindical da CIG pide a toda representación social fortaleza "na defensa da igualdade de oportunidades no acceso a Navantia", para que este sexa o criterio que teña que asumir á dirección.
Xunto a isto, chaman á dirección da empresa a impulsar no menor tempo posíbel o proceso. "Non hai tempo que perder pois xa iniciamos o segundo semestre do ano e imos iniciar o período de vacacións. Á volta das vacacións poderíamos acordar as necesidades específicas da Ría de Ferrol e dispormos dun número importante de postos de traballo que tan necesarios son na nosa comarca".