A CIG-Navantia esixe á Xunta que actúe para garantir que a obra do 'Evrima' queda nos estaleiros da ría de Ferrol
A Sección Sindical de CIG en Navantia denuncia a pasividade e desidia da Xunta de Galiza ante a posibilidade de que a obra para rematar o 'Evrimia' "escape" para Santander cando está "case adxudicado á Reparacións de Navantia na Ría de Ferrol". Ante esta situación, fan un chamamento á Consellaría de Industria para que actúe de inmediato "e impida que vexamos pasar o barco diante das nosas costas cara a outra comunidade".
Lembran que a Xunta ofreceu o apoio financeiro necesario para rematar o barco -8 millóns en créditos participativos-, que se construía en Barreras, e ao que resta a fase de pintado final mais a carenaxe que conleva. "Sen ser unha obra extensa, é un novo fito neste mercado de cruceiros de luxo que, aínda que no contexto de pandemia está en mínimos, conta cun alto grao de crecemento no futuro", subliña a sección sindical.
A este respecto, apuntan que as instalacións de Navantia están totalmente preparadas para acoller esta obra en Fene, tanto no referido ao dique, imprescindíbel para esta tarefa, como as oficinas e o espazo para contedores etc. Instalacións que, advirten, poden volver quedar desertas no período que xa se tiña reservado para este pedido. Logo de evitar que o barco fora para Cádiz, "unha vez máis podemos estar ante a inutilidade, a pasividade e a inoperancia, da Xunta de Galiza no que ten a ver coa industria nesta comarca", critican.
Pero ademais, a incerteza tamén está no cadro de persoal de Barreras que acompañaría ao buque e que contaba con que a obra se fixera en Fene. "Esta esperanza pode verse truncada se non se lle pon remedio e se para Santander".
Por iso, a sección sindical da CIG reitera a importancia da obra ao posibilitar meterse no mercado destes buques, e para dar ocupación á industria auxiliar, neste caso principalmente ás empresas de pintado, ademais das de carenaxe. Pero tamén ten repercusión nun importante número de persoas de Barreras e no sector servizos da cidade, "tan necesitada nestes momentos de dificultade pola pandemia. Esta é a mellor axuda que se lles pode proporcionar. Carenas é fundamental para manter este sector na cidade", conclúen.