A CIG-Navantia defende que as incorporacións nos estaleiros da Ría neste 2019 deben ser, cando menos, proporcionais ás saídas
Na pasada reunión da Comisión Central de Emprego de Navantia a parte social presentou unha proposta para a distribución das 563 prazas de novas incorporación que contempla o Plan Estratéxico para 2019. Nesa mesa, a sección sindical da CIG defendeu que as prazas para a Ría de Ferrol deben ser, como mínimo, as proporcionais ás saídas, sumando a maiores as 41 comprometidas de operarios/as e garantindo, ao final do proceso en 2020, a proporcionalidade dos centros da Ría a respecto do último ERE.
"A nosa proposta non obedece a ningún capricho, senón que parte de parámetros razoábeis, verificábeis e que manteñen o espírito do acordado no documento do Plan Estratéxico e do propio documento elaborado pola Comisión Central de Emprego, que se ben non os compartimos, cando menos deberan tomares en conta", subliñan.
A este respecto, a sección sindical da CIG en Navantia lembra que no Plan Estratéxico se aprobou o proceso en canto as entradas e saídas e cal é a situación, ao respecto, en cada zona xeográfica (criterio que se utiliza para a distribución das prazas). Así, recóllese que abandonarán a empresa nos vindeiros catro anos un total de 2164 persoas e que se incorporaran 1658 ao longo dese período (2019-2022).
Tendo en conta esta situación de saídas e que o espírito do proceso de renovación do cadro de persoal é o de trasladar ás diferentes zonas xeográficas (e centros) a porcentaxe de reposición acordado; a CIG presenta na mesa unha proposta nese sentido:
Non se concreta a distribución xeográfica
Nos cadros anteriores poden apreciarse as diferenzas entre a proposta da CIG e o que finalmente asumen as demais centrais sindicais. Así:
1.- A primeira diferenza é a renuncia a concretar a distribución xeográfica das prazas para todos e cada un dos anos de vixencia do Plan.
2.- O concepto de distribución aceptado por estas centrais sindicais, que asumen deixar a criterio da empresa un total de 57 prazas que bautizan co nome de “corporativas”, é outra das diferenzas. Neste senso, critican que a empresa leva anos incorporando este tipo de perfís "corporativos" á marxe da representación social. A sección sindical da CIG está en contra de ceder prazas asignadas ás diferentes zonas xeográficas, "para que a empresa contrate ao seu libre criterio".
A CIG ten claro que as prazas para a Ría de Ferrol en 2019 deben ser, como mínimo, as proporcionais ás saídas, máis as 41 comprometidas de operarios/as e garantindo, ao final do proceso, a proporcionalidade dos centros da Ría a respecto do último ERE"
3.- Xunto a isto, subliñan que a suma das prazas pactadas para 2019 (engadindo a compensación extra de inicios de 2020) é de 235 prazas, é dicir, déixanse polo camiño 17 prazas das que corresponderían á Ría de Ferrol para o ano 2019, segundo un criterio de reparto proporcional, que é o que traslada a CIG á reunión da Comisión Central de Emprego.
Materialización das 41 prazas de operarios/as comprometidas
Ademais, dende a central sindical esíxese a Navantia que materialice a convocatoria das 41 prazas para operarios/as comprometidas con comité, como compensación ás taxas de reposición dos últimos anos. "Non é de recibo que agora a dirección pretenda facer pasar estas prazas como parte do proceso de novos ingresos do Plan. Estas 41 prazas deben sumarse ás que por proporción lle corresponden á Ría de Ferrol e así o defendemos na mesa da Comisión Central de Emprego".
O obxectivo da proposta da representación da CIG é acadar a proporción de cadro de persoal, en relación ao conxunto da empresa, que os centros da Ría de Ferrol tiñan ao saír do ERE de 2005. Naquela altura, os traballadores/as destas factorías representaban o 42.9% do conxunto da empresa "e desde entón esta proporción non fixo máis que baixar debido, principalmente, ás incorporacións que Navantia fixo arbitrariamente durante os últimos anos".
A CIG ten claro que as prazas para a Ría de Ferrol en 2019 deben ser, como mínimo, as proporcionais ás saídas, sumando a maiores as 41 comprometidas de operarios/as e garantindo, ao final do proceso, a proporcionalidade dos centros da Ría a respecto do último Expediente de Extinción de Emprego.