A CIG-Navantia defende a subrogación dos traballadores/as de mantemento dos estaleiros
O vindeiro 29 de Febreiro finalizara a concesión nos estaleiros da Ría á UTE Electrorayma-Tecman, continuando coa nova concesión a UTE Ferrovial-Elinco, e deixando nunha situación moi complicada os/as 65 compañeiros/as que a día de hoxe desenvolven as tarefas de mantemento nos estaleiros de Navantia-Ría de Ferrol.
Este persoal, subliñan as Seccións Sindicais da CIG, ten “unha demostrada profesionalidade e unha excelente valoración por parte da empresa principal”.
A CIG defende o dereito á subrogación en todas as negociacións do Convenio Provincial do Metal e a Sección Sindical defendeu que se recollera no acordo sobre auxiliares negociado en Navantia, acordo que finalmente non se chegou a materializar.
“Defendemos sempre a importancia de recoller nos diferentes articulados dos Convenios Colectivos cláusulas que garantan a estabilidade no emprego das e dos traballadores de contratas”, afirman nun comunicado. Aspecto este que si se recolle no convenio provincial de Cádiz e que asegura que os traballadores/as non teñan ningún problema para seguir no seu posto unha vez cambie a concesión.
“Non entendemos como unha actividade de estas características, como é o mantemento de guindastres e equipos, na que inflúe decisivamente a capacidade e o coñecemento, e onde o valor engadido é o propio cadro persoal, estea sometido a este tipo de alteracións e cambios”, denuncian.
Tampouco entende a Sección Sindical da CIG a centralizacións nas decisións “que obvian a realidade das fábricas” e menos aínda que Navantia prime como elemento decisorio para a adxudicación os criterios económicos por enriba dos criterios técnicos e humanos, “que son fundamentais á hora de preservar a operatividade e seguridade nos estaleiros”.
Por iso, afirman que non se pode pór como escusa dende a empresa impedimentos legais cando existen fórmulas “que se podenpoñen en marcha tanto pola dirección de Navantia como pola nova UTE para garantir a continuidade e os dereitos deste traballadores e materializar dita subrogación”.