A CIG-Navantia defende a necesidade de actuar con rigorosidade nos procesos de incorporacións
A sección sindical da CIG en Navantia demanda o cumprimento estrito das bases nos procesos de incorporacións á empresa naval, como única garantía para as persoas que se presentan ás prazas e para que saiban a que se ater ao longo de todo o proceso. A representación da CIG defende a necesidade de actuar con rigorosidade, aínda cando as bases non son as que a central demandaba, "senón que foron impostas dende Madrid, mesmo vulnerando a decisión da asemblea xeral".
Por iso, cualifican de "perversión" que agora se xogue a interpretar as bases coa cuestión do xustificante do pagamento das taxas despois de saber as persoas aceptadas e excluídas. Unha trécola, denuncian, da que participaron "todos os sindicatos e a propia empresa, agás a CIG".
"Así o fixemos en todas as convocatorias, na do persoal técnico de emerxencias no seu momento e agora nas listas de persoal operario e empregado júnior, sen deixarnos levar por presións de ninguén, nin por facer clientelismo ou amiguismo. Non é o noso estilo", salientan.
Instan a non continuar neste deriva neste proceso de incorporación laboral á Navantia e a aplicar as bases estritamente, cando menos, mentres non se elaboren outras bases novas.