A CIG mobilizouse contra os acordos de libre comercio que a UE negocia cos Estados Unidos e Canadá
A mobilización na capital belga estivo convocada por diversas organizacións e colectivos europeos, entre os que están Alter Summit e StopTTIP -entidades das que a CIG forma parte-, e na mesma participou unha delegación da central sindical, encabezada polo seu Secretario Xeral, Xesús Seixo, quen estivo acompañado polo responsábel de internacional da central, Xosé Lois Rivera, e Suso García, da Executiva Confederal da FGAMT-CIG.
Aínda que con estas protestas se busca trasladar o rexeitamento que existe na sociedade cara a estes dous tratados, púxose especial incidencia no acordo con Canadá, xa que está programada a súa aprobación definitiva ao longo do próximo mes. De feito, o venres desta semana haberá en Bratislava unha reunión de ministros de comercio dos países membros da UE para abordar a posta en práctica do acordo. E, ao longo de outubro, o CETA deberá ser votado polos distintos parlamentos estatais e finalmente ratificado polo Parlamento europeo.
Por iso, a CIG xa está estudando a convocatoria de accións e protestas, a desenvolver o próximo mes contra a ratificación do CETA. Neste senso, durante a concentración da Coruña, o Secretario Confederal de Organización, Paulo Carril aseveraba que “seguiremos coas mobilizacións mentres non se remate definitivamente coa negociación destes tratados”.
Neste senso, cómpre lembran que a central nacionalista participou e/ou convocou diversas concentracións ao longo do último ano en rexeitamento ao TTIP e o CETA, dous tratados que ameazan seriamente as nosas condicións de vida, a democracia e a propia soberanía. “A pesares de denominarse comerciais, estes tratados non van afectar ás políticas de aranceis da UE cos Estados Unidos ou Canadá; na práctica o que realmente pretenden é eliminar calquera tipo de normativa estatal que poña trabas aos intereses das grandes multinacionais”, puntualizaba Carril.
Menos dereitos
Un obxectivo moi afastado das bondades que se nos pretenden vender: creación de postos de traballo, dinamismo comercial e un incremento das exportacións. Mais, fronte a esta visión positiva, o CETA (considerado o paso previo a imposición do TTIP e o seu “cabalo de troia”-de aí a simboloxía que se podía ver na manifestación de Bruxelas-) favorece a desregulación en materia laboral, fomenta a privatización do público, introduce unha flexibilidade no eido da seguridade, a saúde pública e ambiental descoñecida para os estándares europeos, compromete seriamente a soberanía e limita as xa minguadas capacidades dos parlamentos dos diferentes estados da unión. É dicir, estes tratados constitúen na realidade unha agresión aos nosos dereitos máis elementais.
Pero un dos grandes logros para as grandes compañías transnacionais radica no feito de que, de aprobárense, permitirían as empresas demandar xudicialmente os estados se se consideran prexudicadas por algunha lei nacional. Porén, estas demandas serán resoltas por tribunais internacionais de arbitraxe privados especialmente creados para tal fin e exentos de aplicar o Dereito nacional e o internacional. “Preténdese desmantelar todo o público, na medida en que hai cláusulas que estabelecen que todo será privatizábel salvo o control do espazo aéreo, as fronteiras ou o poder xudicial. Pero toda aquela normativa interna que poida contravir os intereses das grandes corporacións veríase arrasada”, advertiu Carril.
A respecto das afirmacións de varios dirixentes políticos europeos dando por rotas as negociacións do TTIP cos EUA, a CIG entende que estas declaracións “forman parte da capacidade que ten propio o sistema para desviar a atención e garantir o principal: que sigan avanzando as negociación, para que ao final nos impoñan estes tratados no momento que consideren oportuno”.