A CIG mobilízase por unhas pensións públicas dignas e a súa revalorización conforme ao IPC real
O Colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG concentrouse este xoves diante das oficinas do INSS das sete cidades para reclamar unhas pensións públicas e dignas e a súa revalorización, por lei, conforme ao IPC interanual.
Con estas protestas denunciaron que as pensións galegas seguen a ser as segundas máis baixas do Estado (só por detrás das de Estremadura) e que a suba que se efectiviza este mes “non permite recuperar o poder adquisitivo perdido dende que se introduciu o IPC medio como índice de revalorización”.
Explicaron que no ano 2021 -que rematou cun IPC interanual de 6,5 puntos-, o incremento das pensións feita por primeira vez conforme o IPC medio foi dun 2,5%, polo que se perdeu un 4% de poder adquisitivo. Aínda que algún dos últimos anos o IPC medio superou o interanual, “o certo é que non foi suficiente para compensar o perdido e a día de hoxe seguimos mantendo unha perda dun 0,7% que aínda non se recuperou”.
“Isto significa algo moi concreto: cada ano podemos mercar menos co mesmo diñeiro. As nosas pensións valen menos fronte ao custo da vida, mentres aumentan os prezos da alimentación, da vivenda, da enerxía e dos servizos básicos”, advertiron.
Por iso, exixiron a derrogación das reformas das pensións, a comezar pola de 2011, “que supoñen un ataque ao sistema público de pensións e o empeoramento tanto no acceso como nas contías das pensións”; a revalorización das pensións conforme ao IPC interanual real e por lei; e que a pensión mínima se equipare ao SMI, tal e como recolle a Carta Social Europea, isto é que acade o 60% do salario medio.
Pensións máis baixas
O Colectivo subliñou que a pensión galega media continúa case 15 puntos por debaixo da pensión media do Estado, o que supón cobrar preto de 200 euros menos cada mes. No caso das mulleres galegas a situación agrávase ao manterse unha fenda que supera os 400 euros mensuais, con respecto ao que perciben os homes.
Nas protestas, tamén se rexeitou que mentres se piden sacrificios ás persoas xubiladas, o Estado prioriza outros gastos. “No ano 2025, o Estado español destinou máis de 33.000 millóns de euros ao gasto militar, alcanzando o 2% do PIB en defensa que lle exixía a OTAN. Este enorme volume de recursos públicos podería e debería destinarse a reforzar o gasto social, garantir pensións dignas, mellorar a sanidade, os coidados e os servizos públicos. Non é unha cuestión de falta de recursos, é unha cuestión de prioridades políticas”, aseveraron.
Neste contexto, demandaron que os recursos públicos se destinen a protexer as persoas “e non á escalada do gasto militar nin a privatizar os recursos que teñen que atendernos”.