
A CIG mobilízase por unha saída galega xusta da crise

A CIG desenvolveu unha xornada de mobilizacións de delegadas e delegados nas sete cidades e máis en Vilagarcía, O Porriño, Redondela, Verín, Lalín, Ribeira, Cee e Foz para esixir unha saída favorábel aos intereses da clase traballadora galega. Unha reivindicación que cobra maior urxencia tendo en conta que as medidas que se están a adoptar polo Gobernos español e a Xunta son insuficientes, cando non inexistentes, para encetar unha auténtica recuperación económica e social e para conseguir solucións xustas ás realidades da dixitalización e dos procesos de descarbonización da economía.
As concentracións enmárcanse na campaña que a Confederación Intersindical Galega está a desenvolver e pola cal xa se celebraron asembleas comarcais para debater o documento de propostas para a recuperación económica, a industrialización e creación de emprego digno na Galiza elaborado pola central.
O secretario xeral, Paulo Carril, subliña que nin os Orzamentos Xerais do Estado nin os Orzamentos da Xunta para o ano 2020 contemplan as actuacións necesarias para dar unha resposta xusta á crise derivada da pandemia, e que na Galiza ten un especial impacto a causa da crise industrial e social na que xa estabamos previamente.
Advirte que afrontamos esta nova crise cando aínda arrastramos as consecuencias das anterior, coas agresivas políticas aplicadas nos últimos anos en pleno vigor e coa perspectiva de que se nos van impor “as mesmas receitas neoliberais de sempre”. Fronte a esta realidade, Carril chama a non resignarse ante a incerteza actual e pasar á mobilización “porque os dereitos hainos que conquistar e é a mobilización a que fai avanzar a aplicación das políticas alternativas”.