A CIG mobilízase pola readmisión do delegado despedido en Industrias Guerra de Vila de Cruces
O cadro de persoal de Industrias Guerra desenvolveu onte unha concentración diante das instalacións da empresa en en Vila de Cruces para reclamar a readmisión do delegado do comité despedido e denunciar que se trata dun caso de represión sindical, xa que a rescisión de contrato produciuse a pouco de que teñan lugar as eleccións.
O afectado é un dos nove integrantes da representación sindical, todos da CIG, e foi despedido a semana pasada tras ser apercibido por falta grave disciplinaria por supostas “malas contestacións a un superior”, segundo sostén a dirección. O traballador presentou as pertinentes alegacións a este apercibimento, “mais a única resposta foi a carta de despedimento”, censuran dende a central.
En todo caso, aclaran que as acusacións vertidas pola empresa contra o afectado non son constituíntes dunha falta grave que supoña despedimento, conforme á lexislación laboral vixente, “polo que os nosos servizos xurídicos xa teñen interposta unha demanda contra Industrias Guerra para reclamar a nulidade do despido”.
Dende a CIG salientan o feito de que o traballador afectado é membro do comité de empresa, integrado por nove representantes, todos da central sindical.
“A lexislación laboral deixa moi claro que un membro do comité de empresa non pode ser despedido mentres dure o seu mandato”, polo que anuncian que tomarán as medidas legais oportunas por vulneración de dereitos fundamentais. “Isto si que constitúe un delito moi grave, e dende logo este comportamento por parte da empresa e punible a efectos legais”.
Ao mesmo tempo, sinalan que “é moita casualidade” que estes feitos se dean en ano electoral sindical, e ás portas do proceso de eleccións sindicais na empresa, pois o vindeiro día 12 constitúese a mesa electoral en Industrias Guerra.
“Se con esta acción represiva en datas tan sinaladas a empresa pretende meter medo, que saiba que está a conseguir todo o contrario, xa que este xeito de proceder danos máis forza para loitar por un comité forte que siga a defender os dereitos dos traballadores/as e a velar polo cumprimento do convenio”. Finalmente, queren deixar moi claro que as mobilizacións continuarán até que o traballador sexa readmitido e a empresa cese nas hostilidades e se sente a negociar.