A CIG mobilízase para reclamar un convenio digno na fábrica de vidro La Veneciana de Lalín
A CIG levou a cabo onte unha protesta diante das instalacións da fábrica de vidro La Veneciana de Lalín para reclamar un convenio colectivo digno. As negociacións continuaron no día de hoxe e a empresa propón un aumento salarial do 9,5% en dous anos, algo que a central sindical rexeita tendo en conta que se parte de soldos moi baixos.
Segundo explica o secretario comarcal da CIG de Pontevedra, Marcos Conde, as partes están a intentar pactar un convenio de empresa a nivel estatal, que en Galiza regularía as condicións laborais dos arredor de 120 empregados/as da fábrica de Lalín e dos doutra pequena empresa que a transnacional Saint-Gobain -á que pertence La Veneciana- ten en Vigo.
O responsábel sindical detalla que a proposta achegada hoxe pola empresa contempla unha suba salarial do 5% para 2022 e do 4,5% para 2023, sen cláusula de revisión; xa que no último actualizaríanse os soldos (sempre que o IPC fose superior ao 9,5%) en táboas, pero sen xerar atrasos.
Conde adiantou que a CIG non aceptará ningunha proposta que supoña unha perda de poder adquisitivo tan elevada, “tendo en conta que os traballadores/as de La Veneciana parten ademais duns salarios moi baixos: unha persoa que entra nova na empresa cobra 959 euros ao mes, mentres que alguén con por exemplo 30 anos de antigüidade ingresa 1050”.
Por iso na asemblea de traballadores/as que celebrou a CIG onte coincidindo coa protesta diante da empresa decidiuse non aceptar ningunha proposta que non supoña un aumento considerábel das nóminas, “xa que os actuais salarios non dan para vivir”.
Nova asemblea o luns
De feito, as persoas contratadas por ETT perciben até 300 euros máis ao mes ao incluír os prorrateos. “Po iso cando lles ofrecen quedar na empresa moitas persoas néganse e marchan”.
Ao mesmo tempo, Conde amosou a súa preocupación “porque todo parece indicar que CCOO (3 representantes no comité) e UGT (2 representantes) aceptarán a proposta. Pola súa banda a CIG conta con 4 delegados/as.
Finalmente, anunciou a celebración dunha nova asemblea de traballadores/as o vindeiro luns día 11 para abordar a última proposta da empresa.