A CIG mobilízase para reclamar a nulidade do despido da súa candidata no centro de día Agarimo de Vigo
A CIG-Servizos mobilizouse onte para reclamar a nulidade do despido e a conseguinte readmisión da súa candidata nas eleccións sindicais no centro de día Agarimo de Vigo. A central sindical desenvolveu unha concentración coincidindo coa mediación no SMAC previa á celebración do xuízo, no que a empresa recoñeceu a improcedencia da rescisión do contrato.
A protesta chegou tras a que tivo lugar o pasado 20 de decembro diante das instalacións da compañía na rúa O Grove, no barrio de Coia, para rexeitar a represión sindical exercida pola empresa contra a súa candidata nas eleccións sindicais. Dende a central denuncian que a traballadora foi despedida “por perda de confianza” cando se soubo que ía concorrer ao proceso en representación da CIG.
Segundo explican dende a federación de Servizos, o orixínase cando a central decide promover eleccións sindicais por primeira vez no centro de día Agarimo, que leva un ano en funcionamento e no que traballan 18 persoas. De xeito que o pasado 24 de novembro rexistrou o preaviso, tras o que a traballadora agora afectada recibiu o apoio maioritario do cadro de persoal en asemblea para presentarse como candidata en representación da CIG.
Sen acordo na mediación
Días despois, o martes 12 de decembro, a empresa comunícalle o seu despido “por perda de confianza”, polo que a central sindical ponse en contacto coa dirección para tratar de reconducir a situación. “Mais o que recibimos é unha resposta con faltas de respecto, prepotencia e chulería, na que se verten acusacións inventadas contra unha traballadora exemplar que de feito está a recibir mostras de apoio do persoal tanto do centro de día como da residencia de maiores que esta mesma empresa xestiona na avenida do Aeroporto, tamén en Vigo”.
En consecuencia, a CIG decidiu poñer en marcha unha campaña de protestas contra a represión sindical na empresa e en solidariedade coa afectada “por este brutal ataque contra o dereito de liberdade sindical”, ao tempo que recorreu xudicialmente o despido para reclamar a súa nulidade. Onte tivo lugar o acto de mediación previo, que rematou sen acordo pola negativa da empresa a recoñecer a nulidade da rescisión de contrato malia que si se amosou disposta a considerar a súa improcedencia.