A CIG denuncia a fraude do Goberno español nos supostos avances en conciliación recollidos no RDL 2/2024
Delegadas e delegados da CIG concentráronse este mércores diante da Delegación do Goberno na Coruña, as Subdelegacións de Pontevedra, Ourense e Lugo, o edificio gobernamental de Vigo e as oficinas do INSS de Ferrol e Compostela para denunciar a fraude do Executivo español no relativo aos supostos avances nos dereitos de conciliación incluídos no Real Decreto Lei 2/2024, que mañá xoves se debaterá e votará no pleno do Congreso.
A ministra de Traballo e Vicepresidenta segunda do Goberno español, Yolanda Díaz, manifestou no propio día que publicou o RDL que se fixa en 28 días o permiso por lactación, independentemente do que se dispoña no convenio. "Cáusanos indignación esta afirmación por parte de Díaz, cando non é certa, como tampouco é verdade que nesta norma se recolla que o permiso parental pase a ser retribuído, tal e como aseguran algunhas centrais sindicais", criticou durante a concentración na Coruña a secretaria confederal das Mulleres da CIG, Nicolasa Castro.
Advirte que este RDL non muda a normativa nestas materias, aínda que na parte introdutoria se afirme que a través deste o Estado español incorpora todas as esixencias marcadas pola Directiva Europea 2019/1158 de conciliación da vida familiar e laboral.
A UE estabelece que o permiso parental ten que ser retribuído
Castro lembra que a Unión Europea esixe que se atenda o custe económico asociado aos permisos de coidado, incluíndo este permiso parental "que ten que ser un permiso diferenciado dos vinculados ao nacemento". Denuncia que con este decreto semella que o Goberno español fai "un intento de lavar a cara", mais sen asumir a prestación compensatoria vinculada ao goce do permiso parental para "cumprir así realmente cos deberes marcados desde Europa".
Para a representante da CIG esta simulación carece de sentido cando "o que cómpre é abordar a materialización deste dereito e deseñar uns dereitos para a conciliación amplos e suficientes".
En materia de conciliación, a única modificación que introduce o RDL 2/2024 é a modificación do permiso de lactación, simplemente deixando de vincular os termos e o goce deste dereito de xeito acumulado ao pactado na negociación colectiva, fortalecendo minimamente o dereito das persoas traballadoras a poder gozar este permiso de xeito acumulado, mais sen establecer como nin a súa duración. "É dicir, na práctica unha modificación con impacto case nulo na mellora dos dereitos de conciliación que só resolve unha cuestión discutida xudicialmente".
A lactación acumulada
Castro salienta que "son moitas as melloras pendentes para poder falarmos duns dereitos de conciliación dignos e suficientes". No relativo á lactación, lamenta que o Goberno español perda a oportunidade de blindar e estender a protección do permiso de lactación acumulado para cada persoa proxenitora concretando a duración nos 28 días. Unha duración "anunciada pola ministra de Traballo a viva voz pero que nunca apareceu concretada".
Tampouco recolle, nin ten pensado abordar a posibilidade das familias monomarentais ou monoparentais a poder gozar da lactación correspondente á outra persoa proxenitora, mantendo esta discriminación para as crianzas cunha soa persoa proxenitora, no tempo de coidado retribuído.
Ademais, a secretaria das mulleres da CIG denuncia que non se aborda a extensión deste permiso para as crianzas adoptadas ou acollidas que superen os 9 meses; mantense o texto que deu lugar a malas interpretacións e á vulneración de dereitos cando o persoal opta por reducir a súa xornada en media hora (pois debería figurar que o dereito é dunha hora diaria); así como a como a redacción confusa sobre a ampliación deste permiso até os 12 meses para unha das persoas proxenitoras.
Fica pendente tamén a extensión da prestación por nacemento e coidado até os 12 meses para cada persoa proxenitora ou a ampliación a 32 semanas para as familias monoparentais.
Identificación dos riscos laborais
Doutra banda, séguese á espera "da necesaria modificación" da Lei de prevención de riscos laborais que identifique cales son os riscos aos que se expoñen as persoas traballadoras desde unha perspectiva de xénero, que recolla cal debe ser a actuación da empresa ante o coñecemento do embarazo ou a incorporación ao traballo de mulleres que dan o peito. Por iso, Castro puxo énfase na necesidade dunha normativa "que non deposite nas mutuas a tramitación destas prestacións".
"Mobilizámonos para exixirlle ao Goberno español que contemple todas estas cuestións que fican pendentes de recoller na norma e para denunciar a súa estratexia de utilizar a propaganda e a falsidade para xustificar o incumprimento da transposición da directiva europea", concluíu.