
A CIG mobilízase no SEPE da Coruña en demanda de máis persoal e a revisión urxente da nova aplicación

A CIG-Administración Pública concentrouse este xoves diante da dirección provincial do SEPE na Coruña en resposta á situación de colapso na que se atopa o organismo pola alarmante falta de persoal e a posta en marcha dunha nova aplicación ineficaz para tramitar as prestacións. Con esta protesta, que se repetirá nos próximos días no resto de direccións provinciais, a central tamén demanda a dimisión do director xeral do Servizo de Emprego Público Estatal pola súa inacción na busca de solucións.

En Galiza, explicou o representante da CIG no SEPE, Xulio Iglesias, hai 155 postos vacantes, polo que “o traballo que tería que desenvolver este persoal é asumido polas 600 persoas traballadoras coas que conta o SEPE”. Este déficit impide afrontar o volume de traballo en condicións dignas, obriga as traballadoras e traballadores “a asumir unha carga laboral extenuante para cumprir os prazos” e impide ofrecer un servizo de calidade á cidadanía.
A isto hai que engadir unha normativa complexa que en lugar de simplificar os trámites dificulta o recoñecemento das prestacións como o desemprego ou o ingreso mínimo vital, “xerando atrasos que se traducen nunha frustración xeneralizada tanto nas persoas usuarias como no persoal encargado da súa aplicación”.
Unha aplicación informática ineficaz
Estes problemas, salientou Iglesias, agraváronse coa posta en marcha o pasado mes de novembro da nova aplicación informática, ALMA, na que xa se levan gastado máis de 8 millóns de euros.

Cualificou de “desastre” esta aplicación, xa que en vez de modernizar e axilizar os procesos, presenta multitude de fallos técnicos, erros de funcionamento e unha interface pouco intuitiva que dificulta enormemente o traballo diario. “Para ver un expediente tardamos o dobre ou o triplo que coas aplicacións que xa tiñamos. Isto tradúcese en que se poden dar menos citas, a demora para a atención é maior e resólvense menos prestacións ao cabo do día”, apuntou.
A maiores, rexístranse numerosos fallos de recoñecemento das prestacións pola aplicación “que obrigan ao persoal a revisar novamente a resolución de forma manual para comprobar que está correcta, duplicando tempos; e tamén se dan moitos erros no cobro das prestacións”.
O representante da CIG insistiu en que esta situación é “insostíbel” e require dunha actuación urxente por parte da Administración, “porque non podemos seguir traballando nestas condicións”. Neste senso, reclamou volver ás aplicacións anteriores, que si funcionaban, e un aumento inmediato e significativo do persoal en Galiza para atender a demanda de maneira adecuada.

Así mesmo, que se faga unha revisión e simplificación da normativa para adaptar a lexislación á realidade actual, eliminando a burocracia innecesaria e facilitando o acceso ás prestacións por desemprego.
Próximas mobilizacións
O calendario de mobilizacións continuará o 10 de abril con dúas mobilizacións: unha ás portas da Dirección Provincial do SEPE en Vigo ás 9:00 horas, e outra na oficina de prestacións na rúa Benito Corbal de Pontevedra ás 11:30 horas. As seguintes serán nas Direccións Provinciais do SEPE en Ourense o 23 de abril e en Lugo o 30, ambas as dúas ás 11:30 horas.