Mobilización no reitorado da UdC para esixir a readmisión do persoal non subrogado por PREGECSA
A CIG continuou esta mañá as concentracións para esixir a readmisións das 14 traballadoras e traballadores dos servizos auxiliares da Universidade da Coruña a quen a nova concesionaria, PREGECSA, decidiu non subrogar e contratar no seu lugar novo persoal con diversidade funcional e con contratos en prácticas para así abaratar custes. Desta volta a protesta desenvolveuse diante do reitorado da UdC, na rúa da Maestranza, onde se esixiu a intervención da institución educativa e que se respecte o dereito ao emprego deste persoal, que nalgúns casos leva máis de unha década prestando servizos para a Universidade.
O secretario confederal de Emprego da CIG, Francisco Xabier Cartelle, denunciou a pasividade da UdC á que acusou de "fomentar a precariedade laboral nas súas contratas". Neste senso lembrou que os e as traballadoras afectadas (cinco no campus de Ferrol e sete no da Coruña) cobraban o salario mínimo interprofesional polo que a nova empresa "coa conivencia da universidade, busca pagar aínda menos, recorrendo a contratos bonificados para substituír a este persoal".
Pero ademais, engade Cartelle "tivemos coñecemento de que acaban de contratar á muller dun dos responsábeis da empresa. Para isto se utilizan as externalizacións de servizos, para que as collan empresas pirata para enchufar familiares e precarizar condicións laborais", critica.
Sen dereito a cobrar o paro
Francisco Cartelle denunciou a indefensión na que se atopan estas traballadoras e traballadores xa que, alén de estar na rúa dende o 1 de marzo, o SEPE nin sequera lles recoñece o dereito a cobrar a prestación por desemprego porque na práctica non foron despedidos pola anterior concesionaria, ASTRA, senón que figuran como persoal subrogado.
"Aproveitándose de que o persoal non tiña convenio de referencia que garantira a súa subrogación, PREGECSA desfaise deste persoal mentres a Universidade mira para outro lado e elude as súas responsabilidades. É unha vergoña que a UdC consinta nesta precarización", asevera o secretario de Emprego da CIG.
Así as cousas, os despedimentos foron denunciados e xa están fixados os primeiros actos de conciliación no SMAC. "De non producirse a readmisión, o proceso continuará pola vía xudicial", afirma Cartelle, quen adiantou que a CIG seguirá coas mobilizacións até que se reverta esta situación e se recoñezan os dereitos destas traballadoras e traballadores.