A CIG mobilízase no Mercadona de Betanzos contra a política de medo e represión
A sección sindical da CIG en Mercadona ten convocado un novo calendario de mobilizacións para denunciar os abusos de poder, a política de medo e represión e para esixir un traballo digno no que se respecten os dereitos laborais. Con estas accións quérese pór a atención nos compartamentos que se están a detectar nalgunhas tendas da provincia por parte dos mandos "que atentan contra a dignidade das traballadoras e dos traballadores".
"Parece mentira que en pleno século XXI nos teñamos que mobilizar para esixir respecto e dignidade, pero así é. Vendemos a nosa forza se traballo, nin a nosa dignidade, nin a nosa saúde fisica e mental, nin as nosas vidas están en venta. Iso é algo que Mercadona non entende", subliña André Abeledo, delegado da CIG no comité provincial da Coruña.
Neste senso, explica que o persoal está sometido a presións continuadas e a uns ritmos de traballo estresantes para cumprir cos tempos que lles marcan, "imposíbeis de cumprir pola enorme carga de traballo". Isto fai que o persoal estea sometido a unha elevada tensión que ao final acaba derivando en problemas para a súa saúde.
A isto hai que engadir ademais os compartamentos irrespectuosos por parte de determinados mandos "que son humana e laboralmente intolerábeis, pero que Mercadona obvia, consinte e encubre". Un posición patronal que contratasta coa imaxe de empresa modélica que Mercadona vende nos medios de comunicación, malia que a realidade laboral é ben distinta.
Próximas mobilizacións
Estas situacións afectan especialmente a tres tendas da provincia, nas que a sección sindical centrará nesta ocasións a resposta aos abusos laborais. A primeira das concentracións tivo lugar este venres no establecemento que Mercadona ten en Betanzos, para o mércores 23 de xuño está convocada protesta na tenda da Avda. de Oza da Coruña e o luns 28, as mobilizacións trasladaranse até o supermercado situado no Outlet de Culleredo.