A CIG mobilízase nun Eroski Center de Culleredo contra os despedimentos arbitrarios e a precariedade
A CIG-Servizos realizou hoxe unha concentración no Eroski Center de Acea de Ama (Culleredo) en rexeitamento aos despedimentos arbitrarios que está a executar a empresa e que afectan a traballadoras que formaron parte da candidatura da central sindical nas eleccións de hai catro anos. Para a CIG esta é unha clara medida represiva e ten un carácter exemplarizante para o resto de persoal, pois non hai que perder de vista que o próximo outono habrá eleccións sindicais na empresa.
Nas últimas semanas a empresa despediu a tres compañeiras de distintos supermercados en base a motivacións totalmente peregrinas, como "falar cunha compañeira, tal e como ocorreu no caso da traballadora á que botaron neste establecemento de Acea de Ama", explican dende a sección sindical da CIG en Eroski-Familia. Pero é que ademais, a empresa pretende que estes despedimentos lle saian de balde e non pagar as indemnizacións correspondentes, alegando que se trata de despedimentos disciplinarios.
Por iso, na protesta realizada este mércores berráronse consignas reclamando a readmisión inmediata das traballadoras despedidas, o cese da persecución ao persoal que reclama os seus dereitos e en demanda dunhas condicións laborais e salariais dignas.
Os peores salario de todo o comercio de alimentación
A este respecto, dende CIG-Servizos lembran que os traballadores e as traballadoras de Eroski-Familia son as peor pagadas de todo o sector, e a pesar dos excelentes resultandos do grupo, chegan a cobrar até un 15% menos que noutras empresas. Cartos que, denuncian, a empresa escatima nos salarios pero que non lle importa gastar para pagar os despedimentos improcedentes que se producen de continuo.
Xunto a isto, critican que a empresa impón os calendarios e horarios que lle dá a gana "sen negociar coa representación social". De feito, o pasado mes de abril a CIG realizou unha xornada de mobilizacións en varios Erosi-Familia da Coruña en rexeitamento aos cambios impostos pola dirección para aplicar unha cláusula do novo convenio que asinaron FETICO, CCOO e UGT en Madrid e que implica unha variación dos calendarios "a peor".
Estes cambios implicaron establecer xornadas partidas a quen tiña xornada continuada e que o persoal teña que traballar máis horas seguidas durante o día para poder gozar duns días de libranza "que en teoría venden como bos, pero que en realidade o que fan é estragar todos os calendarios".
A isto hai que engadir a ausencia dun sistema de rexistro da xornada efectivo e fiábel ou que a empresa incluso se nega a acatar sentenzas sobre conciliación da vida familiar.