A CIG mobilízase nas sete cidades en demanda de pensións dignas e dun Sistema Público Galego de Atención ás Persoas
A CIG desenvolveu hoxe concentracións nas sete cidades galegas en demanda dunhas pensións públicas dignas e garantidas e dun Sistema Público Galego de Atención ás Persoas. Durante as mobilizacións, convocadas polo Colectivo de Persoas Xubiladas e Pensionistas da central sindical, instouse aos Gobernos español e galego a poñer os coidados no centro das políticas públicas.
Dende a CIG inciden en que a crise sanitaria derivada da pandemia da Covid-19 evidenciou a necesidade de incrementar os investimentos públicos en servizos de atención ás persoas. Por iso a central sindical está a desenvolver unha campaña en demanda dun Sistema Público Galego de Atención ás Persoas na que se insiren as concentracións que tiveron lugar este xoves nas sete cidades a partir das 11:00 horas.
Durante as protestas, organizadas polo Colectivo de Persoas Xubiladas e Pensionistas da CIG, berráronse consignas como “Para a dependencia, queremos centros públicos”, “Atención decente para dependentes” e “Axuda no fogar, dignidade laboral”, mais tamén outras como “Derrogación da reforma das pensións”, “Na Galiza, queremos pensións dignas” ou “Que non nos rouben as nosas pensións”.
Porque con estas mobilizacións quérese reclamar tamén unhas pensións públicas dignas e garantidas, xa que á vista das recomendacións do Pacto de Toledo todo indica que a reforma das pensións que se está a tramitar consolidará os peores aspectos das reformas de 2011 e 2013.
Recomendacións entre as que non se contemplan mecanismos para establecer unha pensión mínima garantida por lei, que para a CIG tería que ser equivalente ao SMI, e este o 60% do salario medio, tal e como estabelece a Carta Social Europea. Un principio que, de ser asumido, suporía elevar o salario mínimo até os 1142 euros/mes e, polo tanto, equiparar as pensións máis baixas a esa contía.
No que ten que ver coa atención ás persoas, a CIG demanda que se incrementen os orzamentos destinados á atención á dependencia e se aumenten as prazas públicas de centros de día e residencias, ao tempo que denuncia que miles de persoas seguen sen obter aínda a prestación de dependencia que teñen recoñecida.
Ademais, dende a central sindical lembran que só 86 concellos galegos contan cun centro de día público (15 deles de titularidade municipal), algo que para a CIG é inadmisíbel nun país como Galiza, cada día máis envellecido e onde cada vez máis persoas viven a súa vellez en soidade.
Ao que hai que engadir que só un 25% das residencias de persoas maiores ou dependentes son de titularidade pública e que “sumando públicas e privadas, unicamente hai tres prazas por cada 100 maiores de 65 anos”.
Por iso aposta por un Sistema Público Galego de Atención ás Persoas que aglutine as actuais residencias, centros de día, servizos de axuda no fogar, e outros, de xeito que todos/as os galegos/as vexan cumprido o seu dereito a unha vida digna cando as súas circunstancias lles impiden poder facelo autonomamente, máis nun país como o noso, coas pensións das máis baixas do Estado.