Mobilización nas oficinas de Samaín polo despedimento de dúas traballadoras do SAF de Chantada
Traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar do Concello de Chantada concentráronse no día de onte, xoves, diante das oficinas de Samaín Servizos á Comunidade (do Grupo Clece) para esixir a readmisión de dúas compañeiras e denunciar a persecución que está a sufrir o persoal cando cae de baixa médica.
Na concentración, convocada pola CIG, rexeitáronse os falsos argumentos da empresa, xa que as dúas traballadoras foron despedidas por baixo rendemento estando de baixa e sen ter traballado nin un só día na nova adxudicataria, debido a que cando Samaín se fixo coa concesión e se subrogou ao persoal, estas dúas compañeiras xa estaban en situación de IT.
O responsábel da CIG de Monforte, Xosé Manoel Silva, subliña que a actuación de Samaín carece de xustificación, tal e como se evidenciou nos xulgados, pois unha das traballadoras xa ten sentenza do TSXG que declara a improcedencia do despedimento, mentres que a outra está pendente de sentenza do mesmo tribunal. Por iso, Silva entende que con estas rescisións Samaín pretende lanzar un aviso ao resto de traballadoras co obxectivo de amedrentalas e que non collan baixas médicas.
Incremento salarial
Pero ademais, con esta concentración tamén se reivindicou do Grupo Clece que cumpra co estabelecido no convenio colectivo e proceda a aplicar de inmediato a suba salarial do 6,5%, correspondente ao IPC real de 2021. Aínda que o convenio de Axuda no Fogar está sen actualizar dende hai dez anos, o articulado contén unha cláusula de revisión automática referenciada no IPC, polo que as empresas teñen que aplicar este incremento anualmente. Samaín é unha as compañías que aínda non fixo efectiva a suba do 6,5%.
De igual maneira reclamouse o incremento do prezo da quilometraxe, xa que cos prezos actuais (0,18€ por quilómetro) e o medre imparábel dos combustíbeis, "está sendo unha desfeita para os petos das traballadoras". Cómpre lembrar que as traballadoras do SAF traballan nos domicilios privados das e dos usuarios aos que se teñen que desprazar nos seus vehículos particulares.
Diante dos incumprimentos das empresas, a CIG-Servizos ten en marcha unha campaña nacional para exixir a actualización dos salarios e a dignificación das condicións laborais e económicas das profesionais do SAF.