A CIG mobilízase na Laracha contra o peche da oficina do BBVA e na defensa do emprego no sector
A sección sindical da CIG no BBVA continuou este mércores na Laracha coas mobilizacións para denunciar os despedimentos e o peche de oficinas contemplados no ERE que a entidade ten en marcha, e que afondará na exclusión no acceso aos servizos financeiros da poboación e na destrución de emprego no sector.
O secretario da sección sindical da CIG, Miguel Fernández, lembrou que o ERE do BBVA suporá o despedimento de máis 100 traballadoras/es na Galiza e o peche de 26 oficinas, das que 12 están na provincia da Coruña. No caso concreto da Laracha, a oficina continuará aberta mais atendida por un axente financeiro (a empresa bota persoal propio para contratar persoal falso autónomo en peores condicións) e coa operatividade moi limitada.
Neste senso, Fernández denuncia que o banco está aplicando os despedimentos e os peches aos poucos para minimizar o impacto social do ERE, e incluso deixando oficinas atendidas por este tipo de axentes externos, para simular que non hai cambios, aínda que no longo prazo acaba cerrando definitivamente as sucursais.
A CIG opúxose dende o primeiro momento ao expediente colectivo (asinado por CCOO, ACB e UGT) por ser inxusto e carecer de xustificación, toda vez que o banco obtivo beneficios millonarios (1.200 millóns de euros só no primeiro trimestre), que existe unha enorme sobrecarga de traballo na rede de oficinas e que a clientela demanda atención presencial, como evidencian as colas que se forman nas oficinas.
Pero "o BBVA só quere aumentar aínda máis os beneficios e o reparto de dividendos entre os/as accionistas, reducindo persoal e precarizando as condicións laborais de quen queda, e sen importarlle as consecuencias que os peches teñen para a poboación, que se ve obriga a ter que desprazarse a outras localidades para realizar as operacións bancarias”. Peches que, xunto á dixitalización forzada da clientela, son utilizados polos bancos para xustificar máis despedimentos.
Engade que a brutal reconversión que está a vivir o sector non afecta exclusivamente ás zonas rurais, senón que "estamos vendo como cada vez máis pechan tamén oficinas nos barrios das cidades, que consideran menos rendíbeis". A isto haille que engadir a redución dos servizos de caixa e o recorte dos horarios, o que dificulta aínda máis o acceso aos servizos financeiros para as persoas de máis maiores ou as que teñen menos alfabetización dixital, "que teñen que recorrer a familiares para poder realizar os trámites habituais e incluso estamos comprobando como aumentan as fraudes", advirte.
Neste contexto, Fernández subliña que a CIG seguirá mobilizándose nas oficinas que o BBVA comunique que vai pechar e loitando polo emprego, contra a exclusión financeira e por unha banca pública galega.