A CIG mobilízase para esixir o desbloqueo da negociación do convenio de Oficinas e Despachos de Lugo
A Federación da Banca, Aforro, Seguros, Oficinas e Centros de Chamadas da CIG realizou unha concentración este martes diante da sede da Confederación de Empresarios de Lugo para esixir o desbloqueo da negociación do convenio colectivo de oficinas e despachos. Este convenio está vencido desde o 31 de decembro de 2011, e despois de terse iniciado e realizado un intento de negociación durante o ano 2014, o mesmo ficou paralizado polas diferenzas entre a patronal e parte social a respecto do plus de antigüidade.
"Dende a CIG temos solicitado en varias ocasións que se retomaran as negociacións do convenio, non sendo posíbel pola negativa da patronal a retomar a mesa negociadora", explica Miguel Fernández, secretario da CIG-Banca de Lugo.
No pasado mes, a central nacionalista dirixiuse novamente á CEL para solicitar que se volvera a convocar a mesa de negociación, "mais non obtivemos resposta, polo que esta situación de paralización do convenio colectivo de oficinas e despachos é totalmente inadmisíbel".
Urxe convocar a mesa de negociación
A este respecto, Fernández asevera que "non se pode permitir a paralización dun convenio colectivo durante unha década, e entendemos que é absolutamente urxente a convocatoria da mesa negociadora para, polo menos, poder negociar e actualizar as táboas salariais de xeito inmediato e posteriormente o resto de cuestións do convenio".
Así as cousas, Fernández avanza que a concentración deste martes se enmarca dentro dunha campaña de presión sobre a patronal para esixirlles que senten negociar, que está acompañada doutras acción, como a solicitude de mediación do Consello Galego de Relacións laborais, e distintas accións para achegar ao conxunto de traballadores e traballadoras do sector a situación actual e a actitude obstrucionista da patronal para acadar un novo marco regulador.