A CIG mobilízase en Vigo para conmemorar as loitas do 72 e recoñecer o seu legado
Centos de delegados e delegadas da CIG percorreron esta mañá as rúas de Vigo para conmemorar as loitas protagonizadas por milleiros de traballadores e traballadoras nesta comarca en setembro de 1972. Un ano no que as loitas da clase obreira galega foron exemplo de dignidade, mais que tamén deixaron o pouso do que naceu o sindicalismo nacionalista.
Así o lembrou ao remate da manifestación o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, quen salientou a importancia que as mobilizacións do 72 teñen “para entender o presente e para afrontar o futuro do movemento obreiro galego”. Por iso agradeceu a aquelas traballadoras e traballadores o seu compromiso “insobornábel” e o seu exemplo de “resistencia, coherencia e profundo convencemento na loita pola dignidade e pola liberdade, contra a precariedade das condicións de traballo, por salarios xustos e por defender a negociación colectiva en Galiza e non en Madrid”.
Carril lembrou ademais que aquelas loitas supuxeron o nacemento do sindicalismo nacionalista e fixeron realidade “o profundo convencemento na autorganización da clase traballadora e do pobo galego” e a convición da necesidade de crear sindicatos propios “como mellor defensa dos nosos intereses e dereitos, como clase traballadora e como nación galega”.
50 aniversario
Esta mobilización formaba parte do programa de actividades e mobilizacións que ao longo deste ano 2022 desenvolveu a central sindical, que se iniciaron en Ferrol no mes de marzo, e continuaron en Vigo con esta mobilización e coa próxima inauguración do Monumento en recoñecemento do setembro de 1972 en Vigo. Unha escultura, promovida e pagada pola CIG para doar á cidade de Vigo, feita polo canteiro Xavier Diéguez Domínguez –e da que no propio acto de clausura da mobilización se presentou unha réplica-, porque “a día de hoxe a cidade non conta con ningún monumento en recoñecemento desas loitas”.
Lembrou que estaba previsto que fora inaugurada nesta mesma xornada, mais que non foi posíbel “pola lamentábel actuación do Concello de Vigo, que non resolveu a tempo a nosa petición, como tampouco fixo con outras propostas de homenaxe que diferentes colectivos socias teñen promovido”. Nese sentido denunciou os “atrancos e obstáculos” postos polo goberno local, “desde negarnos este emprazamento, até querer situalo nun lugar de escasa visibilidade e visita pola cidadanía de Vigo”.
Anunciou, en todo caso, que finalmente, conseguiuse do concello un emprazamento axeitado, no Paseo dos Cedros, na subida ao Monte do Castro, que será inaugurado proximamente.
Valérmonos por nós mesmas
O secretario xeral da CIG reivindicou as orixes das que vén a CIG “co orgullo de formar parte dunha historia colectiva, dunha tradición sindical de loita honrada e coherente que, ao longo destes anos, nos ten levado a ser o que somos: primeira forza en representación sindical, afiliación e iniciativa social en Galiza”. Cinco décadas nas que se construíu “unha central sindical de forte unidade e solidariedade de clase, labrada loita a loita, nos centros de traballo, nas fábricas e nas rúas, combinando a formulación de propostas coa mobilización na defensa dos nosos intereses na loita por unha Galiza ceive e sen explotación”. Unha demostración de que “somos quen de valérmonos por nós mesmos”.
Cinco décadas nas que considerou que quedou demostrada a capacidade para “nos organizar de forma soberana como clase traballadora dunha nación asoballada”, para crear un sindicato cunha acción sindical “combativa, asemblearia, participativa e democrática” e de “confrontación contra o poder económico e político, como único camiño para a conquista de dereitos e unha mellora real das nosas condicións de vida.
Combater a crise e as políticas
Non esqueceu a crítica situación na que estamos, “cunha brutal ofensiva do capital e do belicismo, da OTAN e da guerra como sistema de explotación e dominación aos pobos e as clases populares”. Unha grave situación económica e social na que considerou que se confirma “a insuficiencia das medidas do chamado Plan de Resposta Económica á Guerra e as graves consecuencias das nulas actuacións do Goberno galego”, ás que sumou a aprobación dun “duro paquete de reformas para satisfacer as inxustas e fortes exixencias da UE e poder acceder a uns envelenados fondos europeos que nos están a hipotecar para o futuro”, entre as que mencionou a reforma laboral, as novas reformas das pensións ou a privatización do INEM.
Denunciou que con este tipo de decisións do Goberno español, o que se fai é “aumentar a desigualdade social e a pobreza no conxunto da sociedade, aumentar a concentración da riqueza en menos mans e axudar a crear as condicións perfectas para que a dereita e o fascismo medren, como estamos a ver por Europa adiante”.
Carril considerou “lamentábel” o papel de UGT e CCOO por estar “máis preocupados polo diálogo e o pacto social cos Gobernos neoliberais e coa Patronal, que de sumarse con nós á confrontación contra o capital e de facer a forza necesaria na rúa e nos centros de traballo para mobilizar e crear conflito sostido no tempo para que a crise a pague o capital e non a clase traballadora”.
Xunto a isto denunciou a hipocrisía de proclamar aos catro ventos "un outono quente", cando na realidade "arrefrían e conxelan calquera resposta mobilizadora"
Mobilización e loita para conquistar dereitos
Por iso chamou a reaccionar o vindeiro día 6 de outubro para reclamar a aplicación das 10 Medidas Urxentes contra a crise e a pobreza, propostas pola CIG aos goberno, “exixindo políticas públicas e salarios dignos” e dar resposta ante a patronal na negociación colectiva “para acabar cos baixos salarios e coa pobreza salarial” e ante os Gobernos galego e central, “para que nos próximos orzamentos se aproben medidas de intervención pública na economía e nos sectores estratéxicos e un verdadeiro Plan de Choque urxente para frear os efectos devastadores dos altos prezos e para afrontar unha saída galega xusta da crise”.
Mais tamén ante a urxencia dun Plan Galego de recuperación económica, industrialización, creación de emprego digno e defensa dos servizos públicos e ante a necesidade de poñer fin “a un Goberno do PP que nos arrastra a unha Galiza sen emprego e industria, con importantes sectores produtivos e comarcas agonizando e só preocupado de servir aos intereses do capital”.
Paulo Carril concluíu afirmando que “neste momento histórico necesitamos ir a máis na nosa capacidade de confrontar contra o roubo e saqueo á clase traballadora que estamos a vivir, como tamén necesitamos que a solidariedade e unidade da clase traballadora, siga demostrando que pode con todo”.
Unificar os conflitos para fortalecer a loita
Na mesma liña que Paulo Carril, o secretario comarcal da CIG de Vigo, Alberte Gonçalves, que tamén interveu ao remate da manifestación, quixo lembrar a “brutal e sanguinaria represión da policía española, os asasinatos de Amador e Daniel en Ferrol e a posterior folga xeral en Vigo neste mesmo mes hai 50 anos”. Acontecementos que abriron “unha nova etapa na historia do movemento obreiro galego”.
Por iso, denunciou a “inaceptábel falta de recoñecemento institucional, empezando pola cidade de Vigo” e salientou a mobilización desta xornada como “a mellor maneira de render tributo as loitas de 1972, nas mesmas rúas nas que as traballadoras e traballadores, durante semanas e meses, mantiveron unha loita xeral sostida”.
Con todo, quixo aclarar que a de hoxe non foi “unha procesión de nostálxicos”, senón de “centos de delegados e delegadas da primeira forza sindical en Galiza” aos que reivindicou como “fillos e fillas daquelas loitas de 1972”, reafirmando o compromiso da CIG “de continuar con coherencia na senda do conflito, na senda do combate e da loita polos nosos dereitos”.
Un sindicalismo que contrapuxo ao de “salón” dos sindicatos españois “institucionalizados e burocratizados, coas súas direccións entregadas á trampa do diálogo social no que unha e outra vez pactan a nosa derrota como clase”. Fronte a isto defendeu o camiño da “loita organizada”; do conflito nos centros de traballo; da mobilización nas rúas e mesmo da “folga xeral” que protagonizaron hai cinco décadas traballadoras e traballadores da comarca de Vigo, dando “unha colosal lección de heroicidade” poñendo contra as cordas as autoridades da ditadura.
Gonçalves lembrou ademais as máis de 5.000 cartas de despedimento recibidas en represalia por ter participado daquelas mobilizacións como resposta desesperada dunha patronal superada pola “enérxica capacidade de loita e mobilización que se demostrou en Vigo”. Despedimentos que, como as torturas ou a brutal represión que sufriron, non conseguiron frear a unha clase obreira consciente de que “nunca nada nos foi regalado”.
Solidariedade e unidade de clase
Subliñou que o epicentro da folga xeral daquel setembro de 1972 foi en Citroën, mais que “non tería sido realidade” sen a participación activa do persoal de empresas como Vulcano, Santodomingo, Álvarez, Artiscar, Barreras, Frigoríficos Vigo, Unión Cristalera, Flex, Carnaud, La Artística, Reyman, Caucho Atlántica, Talleres Valiño e Procsa, Masso de Cangas ou Dreslock en Porriño. “Un exemplo claro e rotundo da importancia de non fragmentar as loitas, de unificar os conflitos, de comprender que máis alá das cuestións concretas ou puntuais, compartimos unha loita común como clase traballadora galega”, dixo.
Por iso concluíu que, en contextos máis complexos e moito máis difíciles como os que hoxe atravesamos, “a determinación, a coraxe, e a valentía da clase obreira, son sempre unha forza imparable, que nin os despedimentos, nin os paus, nin as balas poden deter”. Unha valentía que considerou máis necesaria que nunca “para avanzar na recuperación de dereitos e na mellora das condicións materiais, de vida, e de traballo da clase traballadora galega”.