A CIG mobilízase en todo o país: “A saúde é un dereito, e enfermar non é un delito”
A CIG encetou hoxe a campaña de información e mobilizacións coa que baixo o lema ‘O absentismo non é un problema, é un síntoma’ pretende desmontar as mentiras coas que a patronal e a Xunta insisten en responsabilizar a clase traballadora das baixas laborais, criminalizando as ausencias e buscando culpabilizar as persoas por enfermar. O secretario xeral da central nacionalista, Paulo Carril, que participou na asemblea de persoas delegadas sindicais e na manifestación de Pontevedra, quixo deixar moi claro que “a saúde é un dereito e enfermar non é un delito” e acusou os Gobernos español e galego de actuar ao mandato do empresariado permitindo que as mutuas asuman máis competencias no tratamento de doenzas músculo esqueléticas e de saúde mental.
Carril lembrou que foi o propio presidente da Xunta de Galiza, Alfonso Rueda, quen aproveitou o debate sobre o estado da nación para elevar a primeiro plano o absentismo como unha fraude, “evidenciando de maneira descarada o seu papel de axente da patronal, negando a saúde como un dereito e facendo da enfermidade un delito”. Neste senso, insistiu en que o que se persegue coa aplicación de plans como o anunciado por Rueda é facer a “apoloxía da criminalización” das enfermidades, “malia que a saúde é un dereito e enfermar non é un delito nin un crime”.
Ao tempo, lamentou que o presidente da Xunta asumise “de forma obscena” unha reivindicación patronal “baseada na mentira”. Xa que, tal e como asegurou, o absentismo é un síntoma da grave situación que padecemos no noso país. Entre outros datos, lembrou que na última década tense incrementado en máis de 10 puntos a poboación ocupada de máis de 55 anos; e que máis da metade das persoas falecidas en accidente de traballo no último ano supera esta idade.
A isto hai que engadirlle o continuo deterioro do sistema sanitario público como consecuencia do proceso de privatización: medran as listas de agarda e atrásanse as consultas e as intervencións cirúrxicas, o que agrava as doenzas e dificulta a recuperación. Tamén vai en aumento a precariedade laboral e os ritmos de produción; e a lexislación en materia de saúde e seguridade laboral é “anacrónica e obsoleta” e non está pensada para protexer as persoas traballadoras.
“Agora, ademais, con esta campaña da patronal e da Xunta, non só vemos como se pretende criminalizar as persoas traballadoras que enferman como consecuencia do modelo laboral e sanitario, senón que o obxectivo é recortar calquera mellora que poida darse en materia de redución de xornada ou de conciliación”, alertou.
Tamén fixo fincapé en que en setembro de 2024 o Goberno español asinou un acordo sobre pensións cos sindicatos CCOO e UGT que permite que as mutuas asuman máis competencias no tratamento de doenzas músculo esqueléticas e de saúde mental. Este acordo facilita precisamente que agora o Sergas subscriba un convenio de colaboración coas mutuas. “Polo que está ben que a ministra de Traballo anuncie que vai recorrer o plan da Xunta, pero estaría mellor que tomase as medidas oportunas para derrogar ese acordo que naceu do chamado diálogo social”.
Así mesmo, Carril incidiu en que estas políticas “inxustas” do Goberno español son “munición” para un Partido Popular instalado nun “fanatismo neoliberal” que o leva a anunciar a diario medidas deste tipo porque teñen encaixe na lexislación española. “ Obxectivo final é xustificar medidas coas que recortar dereitos, empeorar as condicións de traballo, deteriorar a saúde laboral das persoas traballadoras e privatizar a sanidade pública coa promoción das mutuas”.
Porén, criticou que nin a Xunta nin a patronal analizan que as causas deste absentismo radican no propio modelo do mercado de traballo (poboación avellentada, atraso da idade de xubilación, carreiras laborais longas e duras, xornadas laborais prolongadas) e no desmantelamento planificado da sanidade pública.
Todas estas cuestións e o xeito de enfrontalas nos centros de traballo e na negociación colectiva foron analizadas durante as nove asembleas de persoas delegadas que se celebraron en Pontevedra, Vigo, A Coruña, Santiago, Lugo, Ourense, Ferrol, Vilagarcía e Cangas. Ao remate, por volta das 12:00 horas, tiveron lugar manifestacións e concentracións en delegacións da Xunta ou do INSS.