A CIG mobilízase en solidariedade cos afiliados e delegados sancionados por Vitrasa
Delegados/as sindicais da CIG mobilizáronse hoxe diante do SMAC en Vigo en solidariedade cos seis afiliados da central sancionados pola dirección de Vitrasa pola súa participación na folga convocada na concesionaria do servizo de transporte urbano para reclamar un convenio colectivo digno. A protesta coincidiu coa celebración do acto de conciliación previo ao xuízo, que rematou sen acordo pola negativa da empresa a retirar as sancións, polo que deberá ser o xulgado quen decida.
O secretario comarcal da CIG de Vigo, Alberto Gonçalves, lamentou durante a concentración a actitude represiva da empresa e asegurou que “a solidariedade cos compañeiros suspendidos de emprego e soldo non vai parar”. O responsábel sindical fixo fincapé ademais en que o expediente disciplinario aberto a maiores contra catro deses traballadores pode supoñer o seu despedimento. “A empresa non quere negociar e o único que fai é represaliar a quen demanda os seus dereitos; pero que teñan moi claro que non imos dar un paso atrás na defensa dos nosos compañeiros”.
Gonçalves incidiu en que a responsabilidade do que está a acontecer é por unha banda a empresa, “coa súa actitude prepotente, arrogante e chulesca, sancionando e represaliando os traballadores”, e pola outra o Concello de Vigo, “concretamente o alcalde, que até o de agora miraba cara a outro lado pero unha vez que chegaron as luces decide que é o momento de negociar e que xa hai cartos para levar a cabo o reequilibrio económico que demanda Vitrasa”.
Mais Gonçalves considera que non se trata unicamente dunha cuestión de diñeiro, senón que o conflito deriva do progresivo deterioro das condicións laborais, económicas e sociais na compañía e do empeoramento dun servizo “que nestes momentos non é digno dunha cidade como Vigo”.
Finalmente, quixo deixar moi claro que a única solución ao conflito pasa pola negociación e polo diálogo e nunca pola represión. “Se queren que ese sexa o camiño vannos ter enfronte, imos seguir defendendo os dereitos dos compañeiros/as”.
Pola súa banda, o presidente do comité de empresa, Imanol Arnoso, da CIG, denunciou que o afán represivo de Vitrasa se centra especialmente nos delegados/as e afiliados/as da central, xa que seis das 12 sancións foron para persoas pertencentes á CIG. E dos catro expedientes abertos, tres son tamén para afiliados/as e delegados/as da central. “Está claro que van a polo noso sindicato, e entendemos que con esta actitude é imposible negociar”.
Xuntanza coa empresa
O comité de empresa e a dirección de Vitrasa celebraron hoxe ás 11:00 horas unha nova xuntanza para intentar achegar posicións, encontro que rematou unha vez máis sen acordo tras máis de catro horas xa que a empresa continúa negándose a deixar sen efecto as sancións. Unicamente se amosou disposta a retirar os catro expedientes, mentres que a retirada das sancións “iríase vendo mentres se negocia”, pero sempre e cando o comité desconvoque a folga até o 31 de decembro.
A maioría da representación sindical, pola súa banda, esixiu a retirada das sancións e dos expedientes para iniciar as negociacións e propuxo suspender a folga mentres teñen lugar as conversas, “pero a empresa insiste na desconvocatoria”. De xeito que a xuntanza rematou sen un achegamento entre as partes.
En consecuencia, o cadro de persoal continuará coa folga indefinida e coas mobilizacións. Mañá martes teñen previsto concentrarse diante das instalacións da empresa ás 5:00 horas para a continuación desprazarse até o Concello, onde desenvolverán unha protesta a partir das 10:00 horas.
Despois, en lugar da manifestación que ían levar a cabo ás 12:30 horas dende a Praza de América, mobilizaranse diante do Marco ás 12:00 horas, coincidindo coa celebración dun acto institucional no que estarán o alcalde e o delegado do Goberno español en Galiza. A protesta está organizada pola Federación Veciñal Eduardo Chao baixo o lema ‘Por un transporte público digno. Vitrasa e Concello solución!”.