A CIG mobilízase en San Cibrao e O Valadouro contra o peche das oficinas do BBVA
A CIG realizou este mércores dúas concentracións en rexeitamento ao peche das oficinas do BBVA en San Cibrao e en Ferreira do Valadouro, ás que se sumaron veciños e veciñas afectadas por esta decisión empresarial, que vén afondar no recorte ao acceso aos servizos financeiros derivado do agresivo proceso de concentración e reestruturación bancaria.
A primeira das protestas desenvolveuse diante da oficina do BBVA en San Cibrao, das 11:00 a 11:30hs, e posteriormente, das de 12:00 a 12:30hs, realizouse unha concentración na sucursal do BBVA en Ferreira do Valadouro.
A sección sindical da CIG denuncia que o peche destas oficinas, enmarcado dentro do recente ERE no BBVA, ademais de destruír os postos de traballo, deixará ser servizo á clientela que terá que desprazarse a outras oficinas do banco para ser atendida. "O banco, explica Miguel Fernández, secretario da sección sindical, pretende traspasar a clientela da oficina de San Cibrao á oficina de Burela e a da oficina de Ferreira do Valadouro á oficina de Mondoñedo", cos prexuízos e dificultades que isto supón para a clientela, especialmente no caso das persoas maiores.
A CIG xa denunciou anteriormente as consecuencias que implicaría este ERE asinado por CCOO, ACB e UGT no BBVA, "feito só para aumentar aínda máis os xa enormes beneficios que tiña o banco e o reparto de dividendos aos accionistas a conta da eliminación de postos de traballo e do peche de oficinas (como pretende facer en San Cibrao e en Ferreira de Lourenzá) e provocar maior exclusión financeira á cidadanía".
Brutal proceso de reestruturación do sector
A decisión do BBVA haina que enmarcar no brutal proceso de concentración e reestruturación que está a vivir o sector dende a crise financeira de 2008, que xa se levou por diante as caixas de aforro e miles de empregos, e que afonda na marxinación financeira de amplos sectores da sociedade.
Un proceso que aínda está en marcha co anuncio de novas fusións/absorcións, novos ERE, máis peches de oficinas e reducións dos servizos de caixa. Precisamente, para este xoves 23 de setembro, está convocada en Compostela unha mobilización en rexeitamento ao despedimento colectivo formulado polo Banco Sabadell.
E a seguir, a CIG-Banca ten convocada concentración en San Caetano para rexeitar as subvencións da Xunta para colocar caixeiros automáticos nos concellos do rural sen oficina bancaria, logo de ter coñecido a adxudicación desta subvencións a Abanca, precisamente a entidade que máis oficinas está pechando.