A CIG mobilízase en Rianxo para denunciar o acoso que padecen os traballadores de Autocares Muíños
A FGAMT-CIG manifestouse este mércores no centro de Rianxo para denunciar o acoso que están a sufrir varios traballadores de autobuses Autocares Muíños S.L. -situada en Taragoña-, aos que a empresa comezou a perseguir despois de reclamaren os seus dereitos laborais.
Estes traballadores, explica a FGAMT-CIG de Santiago-As Rías, teñen que realizar rutas escolares e liñas de pasaxeiros/as durante a semana e nas fins de semana "a empresa failles ir coa orquestra ás distintas verbenas, tendo que soportar xornadas laborais excesivas".
Estas xornada abusivas, ademais de impedirlle descansar de maneira adecuada, imposibilítanlle conciliar, "dado que todas as fins de semana lle obrigan a realizar servizos" e por se non fora abondo, "a empresa non lles abona sequera as dietas correspondentes".
Fartos destes abusos, cando os traballadores comezaron a reclamar que se respectan os seus dereitos, "a resposta da empresa, en vez de cumprir coa lexislación, foi iniciar unha campaña de acoso e represalias contra este persoal". P
Para a FGAMT-CIG esta situación "é un claro reflexo do que acontece no sector do transporte, tanto no de viaxeiros/as coma no de mercadorías, no que abundan as xornadas excesivas, os salarios ínfimos e a total falta de conciliación familiar".
Dada a precariedade do sector e as condicións inherentes a esta actividade laboral, a CIG aposta pola implantación de coeficientes redutores para o persoal do transporte, "pois é totalmente incomprensíbel que estes traballadores/as estean exercendo esa profesión até os 65 ou 67 anos, coa merma de facultades físicas que conleva a idade e a responsabilidade de levar vehículos de gran tonelaxe e no caso de autobuses, persoas, e co risco que iso supón para a seguridade viaria".