A CIG mobilízase en Lugo para exixir solucións urxentes á situación insostíbel do SEPE

A central advirte da alarmante falta de persoal no organismo e dos problemas xerados pola nova aplicación informática
Lugo - 30 Abr 2025

A CIG-Administración continuou este mércores en Lugo co calendario de mobilizacións para exixir solucións urxentes á situación de colapso na que se atopa o Servizo de Emprego Público Estatal. Un colapso, explican, derivado dunha alarmante falta de persoal e da posta en marcha dunha nova aplicación ineficaz para tramitar as prestacións.

As mobilizacións comezaron o pasado 3 de abril na Coruña, continuaron con dúas concentracións o 10 de abril en Vigo e Pontevedra, o 23 de abril as protestas chegaron até Ourense e este mércores o calendario concluíu diante da dirección provincial do SEPE en Lugo.

A CIG-Administración advirte que en Galiza hai 155 postos vacantes neste organismo, polo que o traballo que tería que desenvolver este persoal é asumido polas 600 persoas traballadoras coas que conta o SEPE. Este déficit impide afrontar o volume de traballo en condicións dignas, obriga as traballadoras e traballadores “a asumir unha carga laboral extenuante para cumprir os prazos” e impide ofrecer un servizo de calidade á cidadanía.

A isto hai que engadir unha normativa complexa que en lugar de simplificar os trámites dificulta o recoñecemento das prestacións como o desemprego ou o ingreso mínimo vital.

Mais os problemas agraváronse coa posta en marcha o pasado mes de novembro da nova aplicación informática, ALMA, na que xa se levan gastado máis de 8 millóns de euros. A CIG-Administración cualifica de “desastre” esta aplicación, xa que en vez de modernizar e axilizar os procesos, presenta multitude de fallos técnicos, erros de funcionamento e unha interface pouco intuitiva que dificulta enormemente o traballo diario.

Para a representación da CIG esta situación é “insostíbel” e require dunha actuación urxente por parte da Administración, “porque non podemos seguir traballando nestas condicións”. Por iso, reclaman volver ás aplicacións anteriores, que si funcionaban, e un aumento inmediato e significativo do persoal en Galiza para atender a demanda de maneira adecuada.

Con esta protesta, a CIG-Administración Pública tamén demanda a dimisión do director xeral do organismo estatal pola súa inacción e que se faga unha revisión e simplificación da normativa para adaptar a lexislación á realidade actual, eliminando a burocracia innecesaria e facilitando o acceso ás prestacións por desemprego.