A CIG mobilízase en Barreras para esixir que se retome a actividade no estaleiro
Traballadores/as de Barreras e delegados/as sindicais da CIG participaron hoxe na concentración convocada pola federación de Industria de Vigo diante de Barreras para esixir que se retome a actividade no estaleiro coa volta do cadro de persoal e das empresas auxiliares. Ao mesmo tempo, a central reclámalle á Xunta que tome o control da empresa para garantir a súa supervivencia e o mantemento dos postos de traballo.
A protesta fai parte da campaña de mobilizacións que a CIG-Industria está a desenvolver en demanda dunha solución para a grave crise que atravesa o sector naval vigués, que tivo como consecuencia o peche de Vulcano e a entrada en preconcurso de acredores de Barreras.
Na central apostan por retomar a actividade e que sexa o estaleiro, a navieira, o fondo de investimentos que vai adquirir a empresa ou a propia Administración os que deben garantir o cobro/pago dos traballos realizados durante o período de preconcurso. “Obviamente, non se poderá contar coas empresas e cos empresarios/as responsábeis da actual situación”, matizan.
Con todo, a verdadeira solución pasa pola implicación da Xunta na adquisición de Barreras para que volva ter carácter público, como o tivo no seu día antes de que fose privatizado por parte do Goberno de Aznar ao vendelo a prezo por debaixo de mercado.
Mesa do Naval
Dende a CIG lembran que o naval é un sector estratéxico para Galiza e fundamental para a comarca de Vigo, polo que o Goberno galego ten que achegar as axudas públicas necesarias para a súa vertebración, co obxectivo de garantir a súa supervivencia e de frear o actual proceso de precarización laboral e de emigración de man de obra cualificada, imprescindíbel para un sector competitivo. A maiores, solicitan a convocatoria da Mesa do Naval, que onde están representadas todas as partes (estaleiros, auxiliares, centrais sindicais e Administración).
Estas reivindicacións volverán á rúa o vindeiro xoves 30, xornada na que a CIG ten convocada unha manifestación comarcal en Vigo baixo o lema 'S.O.S Vigo: polo futuro industrial da comarca, emprego digno e servizos públicos'. Na central entenden que casos como o de Barreras e Vulcano demostran que non é o momento de agardar, que é preciso saír á rúa a reclamar unha actuación inmediata por parte da Xunta, “que continúa a amosar unha pasividade total ante a grave crise que atravesa a industria da bisbarra, en especial do sector naval”.
Desta pasividade acusan tamén ao resto de sindicatos con representación en Barreras, aos que lles critican que sigan a agardar e opten por non mobilizarse. “Xa agardaron no caso de Vulcano e só hai que ver como acabou” critican. Finalmente, adiantan as mobilizacións continuarán incluso despois do xoves 30, "xa que as perspectivas de futuro para o estaleiro son moi negras porque ninguén está a poñer solucións enriba da mesa".