A CIG mobilízase en Atento e Movistar para denunciar a deslocalización dos postos de traballo

A Coruña - 01 Abr 2025

A CIG desenvolveu dúas concentracións este martes na Coruña para denunciar a política de deslocalizacións no sector dos centros de chamadas e reivindicar o mantemento dos postos de traballo na Galiza. A primeira protesta realizouse diante das oficinas de Atento en rexeitamento á decisión da empresa de pechar o servizo de atención de avarías na quenda de noite e trasladalo a Colombia.

A segunda mobilización fíxose diante da tenda que Movistar ten na Praza de Pontevedra para sinalar a culpabilidade da operadora de telecomunicacións nesta decisión. “É cómplice da deslocalización do seu propio servizo por parte de Atento e de provocar a perda de actividade e de postos de traballo”, denuncia o secretario comarcal da CIG-Banca, Sergio Toucedo.

Estas concentracións enmárcanse na campaña que a CIG está a desenvolver en defensa dos postos de traballo nun sector que na cidade da Coruña dá emprego a máis de 3.500 persoas.  Con esta campaña, e centrándose especialmente na situación de desmantelamento progresivo de Atento e Abai, a central nacionalista reclámalle aos gobernos que actúen e lexislen para evitar estas prácticas de deslocalización da actividade a terceiros países co único obxectivo de “aforrar custos e aumentar os seus ingresos”.

 “As chamadas non desapareceron, senón que foron deslocalizadas ao outro lado do Atlántico”, insistiu Toucedo, sinalando que Atento pasou de contar na cidade con case 1.500 traballadores e traballadoras e ter pouco máis de 400.

Nesta realidade, o representante sindical lembra que o Estado español é accionista maioritario de Telefónica-Movistar, polo que debera impulsar as ferramentas necesarias para garantir o emprego de calidade e evitar a deslocalización dos postos de traballo.

“Non se trata só de postos de traballo, senón tamén de garantir a proximidade e a calidade na atención para toda a cidadanía; o dereito a termos atención en galego; e garantir que se cumpre a lexislación en materia de protección de datos.  Ademais, ante o avance das tecnoloxías, cómpre o control do uso da IA, os automatismos e a autoxestión na atención á clientela”, subliña Toucedo.

Ampliar a campaña

Antes das concentracións, delegadas e delegados dos centros de chamadas decidiron estender a campaña contra a deslocalización e promover declaracións institucionais en todos os concellos do país onde están asentadas empresas do sector, reorientando tamén a campaña ao conxunto de compañías que deslocalizaron os servizos de atención telefónica: enerxéticas, o resto de operadoras de telecomunicacións e mesmo algún banco.

“O servizo de atención á clientela é o vínculo que teñen as persoas usuarias coa empresa. Tendo en conta a dispersión xeográfica que hai en Galiza e a escaseza de oficinas físicas, a atención telefónica é a canle da que dispoñen para contactar, cambiar o servizo ou recibir a información que necesitan”, indica Toucedo.

De xeito paralelo tamén se eclamar o dereito a ter unha atención en galego “coas mesmas condicións, mesmos tempos de espera e mesma calidade que en castelán, tanto na atención como nas resolucións de reclamacións e incluso nos servizos de venta”. Por iso, chama a sociedade a que reivindique o seu dereito a vivir plenamente en galego "tamén como unha maneira de crear postos de traballo na nosa terra e termos servizos de calidade na nosa lingua”.

Dentro da acción institucional, o sector de centros de chamadas da CIG reuniuse co deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, para que presente unha pregunta dirixida ao Goberno a respecto das decisións de Movistar de deslocalizar actividade e vaise interpelar tamén ao Ministerio de Traballo “para que se preocupe e actúe ante a perda de emprego neste sector” e ao Ministerio de Consumo “porque é unha necesidade que o servizo se dea con calidade a todos os usuarios e usuarias” e se respecte toda e normativa de protección de datos".


Usamos cookies para mellorar a túa experiencia de navegación e uso. Consulta a nosa política de cookies e a nosa política de protección de datos.
Preme en aceptar para confirmar que aceptas a información presentada e pechar este cadro.