A CIG mobilízase diante do Banco Santander en Vigo para denunciar os problemas laborais derivados da integración do Popular
A federación de Banca da CIG desenvolveu hoxe concentracións diante das tres sedes do Banco Santander na rúa Policarpo Sanz de Vigo para denunciar os problemas laborais que padece o cadro de persoal como consecuencia do proceso de integración do Popular. A protesta foi convocada pola sección sindical tras a negativa da Territorial de Galiza a manter unha xuntanza e a intención era que coincidise coa visita ás oficinas de Rami Aboukhair, alto directivo da entidade financeira e principal responsábel do proceso de integración, que fora anunciada pero que finalmente suspendeuse.
Dende a sección sindical da CIG no Banco Santander rexeitan o que consideran “unha gran farsa, xa que dende a dirección pedíronnos como favor persoal que viñésemos a traballar co noso mellor traxe, con garavatas vermellas, pasminas e cun gran sorriso”. E sobre todo, que acudisen coa lección ben aprendida, sen transmitir ningún tipo de tensión ou problema. “Dende a CIG démoslles a resposta que merecen: levamos garavatas vermellas e pasminas por respecto, pero non houbo nin sorrisos nin boas caras; tampouco ocultamos os problemas do persoal, porque nós nos disimulamos nin disfrazamos a realidade”.
De feito, aínda que finalmente a visita do alto directivo non se produciu para que non tivese que enfrontarse aos delegados/as sindicais, estes/as aproveitaron a protesta para denunciar que a integración está a facerse sen respectar a lei, nin o dereito á desconexión, nin a conciliación laboral e familiar, e a base de xornada inhumanas.
“A empresa deu a calada por resposta ás nosas peticións de que nas oficinas dunha única persoa esta non pasara a integración soa, de máis tempo para facer os cursos de integración, de mesturar ao persoal dende o momento da integración para ter apoio de compañeiros/as en activo que coñecesen o aplicativo, de que se racionalizase a presión comercial durante a integración, de que se rectificasen condutas incorrectas, saídas de ton e ameazas e de que se cumprise a Lei de Prevención de Riscos Laborais no Santander”, critican dende a sección sindical.