A CIG mobilízase diante de Froiz e Gadis por un convenio do comercio de alimentación digno para Lugo
Traballadoras e traballadores do comercio de alimentación de Lugo mobilizáronse este venres diante do HiperFroiz da rúa Monterio Ríos e do Gadis da Avda. da Coruña para exixir un convenio colectivo digno que recolla subas salariais xustas e que garanta o mantemento do poder adquisitivo.
A protesta, convocada pola CIG, realizouse diante dos estabelecementos máis grandes que teñen estas dúas empresas na cidade que, "polo número de traballadoras/es, ostentan a representación do 100% do comercio de alimentación na provincia", apunta Xosé Paz, da CIG-Servizos de Lugo.
Paz subliña que a patronal presentou na mesa de negociación unha oferta económica insuficiente (5% para 2022, 4% para 2023, e 3% para 2024 e 2025) e ademais négase a introducir unha cláusula de revisión anual conforme ao IPC "como garantía do mantemento da capacidade adquisitiva dos salarios".
O sindicalista lembra que este non é un sector en crise, senón todo o contrario: os seus beneficios medraron de maneira considerábel dende o inicio da pandemia e no actual contexto inflacionista as ganancias disparáronse. Mentres, as traballadoras e traballadores dos supermercados viron como os seus soldos se empobrecían a causa, precisamente, do incremento descontrolado do custe da vida.
Por iso, Xosé Paz insiste na necesidade de que o convenio recolla subas dignas, revisións ano a ano polo IPC real e que se abonen os atrasos xerados, xunto con melloras nas condicións laborais e sociais. Neste senso, insta as demais centrais sindicais con presenza na mesa de negociación (UGT, USO e CCOO) a que se sumen á mobilización "e non renuncien a loitar para conseguir o mellor convenio posíbel para o sector".