A CIG mobilízase diante de Aba Concursal para esixir que se teñan en conta todas as ofertas por Thenaisie
A CIG realizou unha concentración na mañá en Vigo diante das oficinas de Aba Concursal, os administradores que se encargan do concurso de Thenaisie, para reclamar que no informe que van elevar ao Xulgado do Mercantil se teñan en conta e se valoren as tres ofertas presentadas para as plantas do Grove e Mos. Con esta protesta a central quere rexeitar a pretensión dos administradores, a instancias do outro sindicato con representación no comité, de excluír as dúas propostas que máis postos de traballo garanten.
Ante este despropósito, Rosa Abuín, responsábel da FGAMT-CIG no Salnés, puxo o acento en que o propio espírito da lei concursal ten como obxectivo intentar salvar a actividade produtiva e os postos de traballo. E neste senso, lembra que a oferta de Tomás Guillén só garante catro postos de traballo na fábrica do Grove e cinco na planta de Mos, fronte aos máis de 70 empregos que contemplan as outras dúas ofertas.
ERE a medida dunha das ofertas
Na protesta deste xoves tamén se quixo denunciar o ninguneo e o desprezo ás delegadas da CIG e ao conxunto das traballadoras e dos traballadores das instalacións de Mos por parte do outro sindicato con representación. Xunto a isto, a CIG rexeita que antes sequera de coñecerse o informe da administración e de haber resolución do xulgado, os administradores concursais xa comezaran a negociar un ERE de extinción que "curiosamente, afecta a todo o persoal de Mos menos aos cincos postos de traballo que contempla a oferta de Tomás Guillén".
Unha actuación que a CIG rexeita e que, engade Abuín, cando menos resulta sospeitosa. Neste punto, non hai que perder de vista a división que existe dentro da propia administración concursal sobre a xestión do proceso concursal. "Descoñecemos a que intereses responden estas actuacións, pero aquí o único interese que ten que primar é o mantemento do maior número de empregos e garantir a viabilidade e a continuidade da actividade produtiva", aseverou.
Ese é o obxectivo da CIG e "por iso faremos todas cantas actuacións sexan necesarias para que se teñan en conta as tres ofertas que se presentaron", concluíu.