A CIG mobilízase contra o ERE do Banco Santander que en Galiza afecta a 68 traballadores/as e 46 oficinas
A entidade pretende facer efectivo o ERE a través de prexubilacións e despedimentos. En Galiza, aínda que o banco non presentou os datos segregados nin detallou a distribución do impacto, a medida implicará o peche de 46 sucursais e desfacerse de 68 empregados/as.
“A empresa ten intención de executar o expediente no menor tempo posíbel e os prazos van aceleradísimos”, denunciaba durante a concentración o Secretario da Sección Sindical da CIG no Santander, Manuel Valcárcel. O represente sindical engadiu que a intención da dirección é ter listo o período de consultas en 15 días, e por iso estanse a celebrar mesmo tres reunións á semana.
Unha urxencia que a CIG critica, xa que imposibilita estudar en profundidade toda a documentación referente ao ERE.
Horas extraordinarias non declaradas
Neste senso, Valcárcel insistiu en que a CIG non está disposta a asinar o expediente de regulación de emprego, mais tendo en conta que a entidade obtivo uns beneficios durante o pasado ano de 6.000 millóns de euros e que os traballadores e traballadoras realizan ducias de horas extraordinarias non declaradas.
Sobre isto, informou que o pasado 23 de febreiro, logo de presentar demanda na Audiencia Nacional, chegouse a unha conciliación coa empresa para estabelecer un control horario. Porén, censurou, a entidade non efectivizou ese compromiso, limitándose a ofrecer “un papel para asinar as saídas e entradas. Ese non é un sistema nin fiábel nin contemporáneo”.
Valcárcel insistiu en que “de limitárense todas as horas extraordinarias non declaradas, é dicir, en fraude, en Galiza non sobraría nin unha soa persoa”.
Xunto ao ERE, a CIG-Banca denuncia que a entidade inicia tamén un procedemento de mobilidade xeográfica colectiva, que podería supor trasladados forzosos de máis de cen quilómetros para o persoal.
“Unha empresa con eses beneficios non pode recorrer as estas medidas para reestruturar o seu cadro de persoal e destruír milleiros de empregos”, aseverou Valcárcel. A este respecto matizou que nestas circunstancias o ERE sería imposible de se iniciar “se non fose ao abeiro da reforma laboral do PP”.