A CIG mobilízase contra o acoso a un traballador da empresa viguesa Toysal por negarse a facer horas extras
A FGAMT-CIG de Vigo desenvolveu onte unha concentración de delegados/as ás portas de Toysal, empresa dedicada á recollida, transporte e xestión integral de residuos de orixe industrial con sede no Camiño do Caramuxo, para rexeitar a campaña de acoso laboral contra un traballador, afiliado da central, que se negou a facer horas extra.
Dende a CIG explican que o acoso contra este traballador por parte da dirección da compañía comezou unha vez que se viu obrigada a readmitilo por orde xudicial. Porque nada máis negarse a facer horas extra, que ademais non lle eran abonadas, foi despedido.
“No xuíz quedou acreditado que a empresa tomara a decisión como represalia por non facer horas, polo que o despido foi declarado nulo por vulneración de dereitos, xa que facer horas ou non é unha escolla do traballador”, indican dende a central.
Entón, nada máis volver á empresa comezou unha campaña “de acoso e derrubo” contra el, chegando a abrirlle máis dunha ducia de expedientes e a modificarlle continuamente tanto os horarios como as condicións de traballo (quenda, xornada, etc). “Pretenden que se canse e que marche da empresa, pero o traballador non está disposto a abandonar o seu emprego”.
Diante disto, os servizos xurídicos da CIG xa están a preparar unha demanda por acoso laboral contra a empresa, ao tempo que dende a central anuncian que continuarán coas mobilizacións mentres non cese a campaña contra o traballador.