A CIG mobilízase contra as restricións de servizos no BBVA para xustificar novos recortes de persoal
A CIG realizou esta mañá unha xornada de mobilizacións en catro oficinas do BBVA da Coruña para denunciar a política de dixitalización forzosa e o recorte de servizos á clientela que está a aplicar o banco, preparando así o camiño para xustificar un novo axuste de persoal. A primeira concentración desenvolveuse diante da oficina da Praza de Catro Camiños, de alí foise até a oficina da Praza de Pontevedra e dende esta aos BBVA da Rúa Real e do Cantón, onde está a sede territorial.
O secretario da sección sindical da CIG no BBVA, Miguel Fernández, explica que a dirección ten en marcha unha política de restricións de servizos que afecta especialmente ás persoas maiores, ás que teñen máis dificultades para manexarse cos caixeiros ou a banca online, e ás zonas rurais, afondando deste xeito na exclusión financeira que padece boa parte da poboación galega.
Así, explica que a entidade está pechando oficinas, eliminando o servizo de caixa en numerosas sucursais e restrinxindo o horario daquelas que fan atención, das 8 ás 11 da mañá. Unha medida que non é exclusiva do BBVA senón que comezaron a aplicar a maioría das grandes entidades aproveitando a situación de pandemia.
Comisión por retirar cartos da propia conta
Pero ademais, a entidade empezou a cobrar 2 euros de comisión os clientes e as clientas que retiran cartos da súa propia conta nos mostradores. Unha comisión que Fernández cualifica de "inxusta" e que supón un paso máis no camiño de botar a clientela fóra das oficinas, forzando a súa dixitalización para xustificar novos recortes. De feito, subliña que no último ano o BBVA reduciu case o 8% do persoal en Galiza, pasando de contar con 934 traballadores e traballadoras e ter 862.
"O BBVA pecha oficinas e reduce os postos de atención á clientela, trasladándoa ás oficinas que decide o banco, que normalmente xa están sobrecargadas e teñen restricións, o que provoca que se formen longas colas", denuncia o responsábel da sección sindical da CIG. Alén das molestias para as e os clientes, Fernández advirte que este proceso xa ten un efecto laboral inmediato, co traslado dunha parte do cadro de persoal a departamentos de traballo a distancia, "que teñen incerto futuro, e cun anuncio dun ERE para 3.000 persoas en todo o Estado".
Unha nova destrución de postos de traballo que a empresa non comunicou á representación social, senón que por agora se limitou a anunciar a través da prensa. Neste senso, sospeita que foi a propia dirección quen filtrou a información para, dunha banda, amedrentar o persoal e, pola outra, reforzar a súa cotización, xa que "cada vez que unha entidade anuncia despedimentos automaticamente soben as súas accións na bolsa".