A CIG mobilízase contra a supresión do comedor na refinería da Coruña por ser un beneficio social de todo o persoal
Traballadores e traballadores da refinería concentráronse este luns contra a supresión do servizo de comedor, un beneficio social que o persoal ten recoñecido dende hai máis de 30 anos e que agora Repsol, coa conivencia de CCOO, UGT e STR, pretende liquidar poñendo como escusa a implantación da xornada intensiva.
A sección sindical da CIG, que convocou a protesta, explica que Repsol leva anos intentando suprimir este dereito e, de feito, a refinería da Coruña é a única na que aínda funciona o comedor nas condicións orixinais (prezo reducido, control do persoal sobre que empresa xestiona o servizo, etc.). En 2018, Repsol xa amagara con liquidar o comedor, pero daquela a oposición frontal dos traballadores e traballadoras fixo que a empresa recuara na súa decisión.
Agora, ao amparo da negociación do convenio colectivo, Repsol propuxo a eliminación deste beneficio social histórico a cambio dun pago único anual ao persoal de 289,05€. A empresa puxo a supresión do comedor como condicionante para avanzar na implantación da xornada intensiva. Unha chantaxe que todas as centrais sindicais presentes na mesa de negociación asumiron, agás a CIG.
"Estamos totalmente a favor de que o persoal teña a posibilidade de escolla da xornada que mais se adapte ás súas necesidades. Que a empresa nos ofreza a posibilidade de flexibilizar e elixir xornada parécenos un avance nas medidas de conciliación. Pero o que non podemos permitir é que esa elección de xornada veña envelenada coa supresión dun servizo do que goza toda a fábrica", denuncia a sección sindical da CIG.
Neste senso, aclaran que CCOO, UGT e STR organizaron un referendo para votar esta medida, pero só permiten que participe o persoal que fai xornada ordinaria, cando é unha decisión que afecta ao conxunto das traballadoras e traballadores do complexo industrial, incluíndo o persoal que está a quendas, que tamén perdería o dereito a utilizar o comedor nas condicións actuais.
Pero ademais, a representación da CIG advirte que tamén periga a continuidade dos seis traballadores/as que prestan o servizo, algún deles con 30 anos de antigüidade, xa que foron subrogados nas diferentes empresas que se encargaron da xestión do comedor.
Por todo isto, a sección sindical da CIG reclama que se manteña o servizo comedor nas condicións actuais, con independencia da implantación da xornada intensiva, xa que se trata dun dereito histórico do persoal.