A CIG clama contra a represión sindical nos supermercados Eroski de Verín e Ribadavia

Desenvolveu dúas concentracións nos establecementos da cadea de alimentación para denunciar o acoso laboral a dúas delegadas
Ourense - 03 Xun 2025

A CIG-Servizos de Ourense mobilizouse hoxe diante dos supermercados de Eroski en Verín ás 11:00 horas e Ribadavia ás 13:00 horas a para rexeitar o acoso laboral e a represión sindical que están a padecer as dúas delegadas da central desde que foron elixidas nas eleccións sindicais celebradas en maio do ano pasado.

Esta campaña de persecución por parte da empresa tamén está a afectar ao resto de persoas que formaron parte da candidatura da CIG nun proceso no que a central obtivo representación por primeira vez “a pesar de que a dirección fixo todo o que posíbel, mesmo con chantaxes e presións, para que non puidésemos presentarnos”.

De feito, unha afiliada que ía na candidatura tivo que demandar en materia de conciliación familiar porque a empresa negábase a reducirlle a xornada por coidado de filla sen ningún tipo de xustificación. Polo que o Xulgado do Social fallou a favor da traballadora e condenou a Eroski a indemnizala con 7501 euros por vulneración de dereitos fundamentais.

E a delegada da CIG que traballa na tenda de Ribadavia tamén tivo que acudir ao Xulgado do Social en varias ocasións por cuestións como as vacacións, modificación substancial das condicións de traballo e incumprimento de adaptación do posto.

Vulneración de dereitos fundamentais

No primeiro caso a empresa tivo que abonarlle en concepto de indemnización por vulneración de dereitos fundamentais a cantidade de 7.501 euros. Eroski recorreu a sentenza, pero este mesmo luns confirmouse que o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza dálle a razón á traballadora.

Unha vez que a afectada gozou do período de vacacións que recoñeceu a sentenza, modificáronlle as condicións de traballo no que ten que ver co horario laboral. Novamente, o Xulgado do Social condenou a compañía a indemnizar a empregada con outros 7501 euros por vulneración de dereitos fundamentais, sentenza que a Eroski recorreu.

E antes do período de vacacións a traballadora estivo en situación de baixa de longa duración por incapacidade temporal. Unha vez de alta, e valorado o seu estado de saúde, concluíuse que é apta con limitacións; mais a empresa a día de hoxe aínda non lle adaptou o posto de traballo.