A CIG mobilízase contra a represión sindical na empresa Tato Pesca de Pazos de Borbén
A CIG desenvolveu hoxe unha concentración ás portas da empresa Tato Pesca de Pazos de Borbén para rexeitar o despedimento de varias das súas candidatas ás eleccións sindicais e o acoso contra as traballadoras/es que apoian a central sindical.
A protesta tivo lugar de 10:30 a 11:00 horas diante das instalacións da compañía no polígono industrial de Amoedo, onde máis de medio cento de persoas despregaron unha faixa na que se podía ler “Non á represión sindical en Tato Pesca” e berraron consignas como “Xa chega de abusos en Tato Pesca” e “A encargada Margarita explota e tiraniza”.
Dende a CIG explican que os problemas na empresa, que carecía de representación sindical, comezaron cando a central sindical decidiu preavisar as eleccións sindicais e presentar candidatura. “A resposta da dirección foi despedir a dúas integrantes da nosa lista antes do proceso, e despois das eleccións despediu a outro candidato”.
Ao mesmo tempo, comezou unha campaña de “discriminación, acoso, insultos e faltas de respecto” contra as persoas que apoian a central sindical, “algo que obviamente non imos permitir de ningún xeito”. Por iso a CIG convocou a mobilización de hoxe e anuncia que continuarán coas protestas no caso de que a empresa non cambie de actitude.
Recurso xudicial
No que ten que ver cos despedimentos, dende a central sindical indican que xa están recorridos xudicialmente para reclamar a súa nulidade, “tendo en conta que responden claramente a unha estratexia de represión sindical”.
Con todo, a central fíxose con 2 representantes no comité de empresa grazas ao apoio dunha importante parte do cadro de persoal, mentres que os outros 3 (2 entre os especialistas e 1 entre o persoal técnico e administrativo) foron para a UGT.