A CIG mobilízase contra a represión sindical en Barreras e exixe a readmisión de Rafa Pérez
A CIG de Vigo mobilizouse esta mañá, coincidindo co acto de conciliación no SMAC, contra a represión sindical en Hijos de J. Barreras S.A. e en demanda da readmisión de Rafa Pérez. Unha concentración na que o secretario xeral, Paulo Carril, denunciou que o despedimento do representante da CIG en Barreras responde “o intento de amedrentar, de querer calarnos a boca ante a crise que ten o sector naval na comarca de Vigo e a nosa exixencia ás administracións de que actúen para evitala”.
Carril apuntou que “Barreras ten enriba unha espada de Damocles que pode levar a un resultado como o que no seu día tivo en Vulcano”. Ademais denunciou que o feito de que se manteña a reforma laboral “permite que siga avanzando a crise do naval e, en concreto, o ERTE de Barreras”.
Diante desta situación, reclamou que haxa unha intervención pública nos estaleiros mais tamén a creación dunha Mesa do Naval para a comarca de Vigo co obxectivo de facer fronte á crise do sector. Unha solicitude que remitiu por carta á Ministra e ao conselleiro de Industria e da que aínda non houbo resposta algunha.
Sen avinza
O acto de conciliación no SMAC rematou sen avinza porque Barreras non puxo sobre a mesa a readmisión de Rafa Pérez. O compañeiro recibiu a comunicación do despedimento, o pasado 2 de xullo, por correo electrónico e mediante burofax. Comunicación na que, ademais, a empresa indicaba que restrinxía o seu acceso ás instalacións.
Para xustificar a súa decisión Hijos de J. Barreras S.A. imputáballe dúas faltas por presunto abandono do posto de traballo e por ter supostamente facilitado o acceso ás instalacións para realizar unha ocupación simbólica das instalacións do estaleiro, o pasado 27 de maio, poñendo en perigo os compañeiros/as por incumprir o protocolo covid. Cuestión que o propio Pérez afirma que son absolutamente falsas e que a empresa inventou para despedilo.
Por iso a CIG convocará nas próximas semanas novas mobilizacións en demanda da súa readmisión, contra a represión sindical en Barreras e para exixir das administracións que interveñan para frear a crise que azouta o sector naval de Vigo.