A CIG mobilízase contra a proposta de modificación do EBEP que penaliza dobremente o persoal vítima do abuso da temporalidade
Delegados e delegadas das Área Pública da CIG (Ensino, Administración e Saúde) concentráronse este luns diante da Delegación do Goberno na Coruña en rexeitamento á proposta de modificación do Estatuto Básico do Empregado/a Público do Ministerio de Función Pública e a un “pacto de estabilización” que “deixa tirados/as” a miles de interinos/as e temporais.
Suso Bermello, en nome da área pública da CIG, denunciou que esta reforma se fai precisamente de costas ao persoal interino que durante anos foi vítima do abuso da temporalidade, e que con esta modificación se verá dobremente penalizado ao introducirse unha diferenciación inxustificábel entre o persoal que actualmente se atopa nunha situación de fraude e quen no futuro sexa persoal interino.
"A proposta non contempla ningún tipo de reparación para estas persoas, tal e como esixe a xurisprudencia europea, mentres que para as que entren no futuro si que se recoñecería expresamente esa indemnización de 33 días por ano. Parécenos un insulto porque o problema está no persoal que agora se atopa nesa fraude na contratación, pero ao que non se lle da ningunha solución", explica.
Puxo o acento en que hai persoas que levan 15 anos ocupando prazas vacantes en postos estruturais e para atallar esa fraude "o goberno ten que darlle resposta os traballadores e traballadoras vítimas do abuso da temporalidade. Salienta que por un lado a xurisprudencia europea establece que os procesos selectivos abertos non valen porque non resarcen o problema, e por outro a doutrina do TC di que non pode haber procesos pechados. "Nese camiño é onde o goberno do Estado ten que buscar unha solución para frear a fraude e ao tempo dar unha saída a todas estas persoas".
Ademais, Bermello advertiu que a oferta do Ministerio de Función Pública imposibilita resolver o exceso de temporalidade nas administracións xa que non se elimina a taxa de reposición. "O único que busca o Ministerio é botar balóns fóra e trasladar a problemática ao ano 2024, cando no atoparemos de novo na mesma situación, pero con máis sentenzas xudiciais e maior confusión".
Fronte isto, reclamou "medidas valentes", procesos de consolidación reais "e non de falsa estabilización" e unha reforma do EBEP que non penalice nin ao persoal interino nin ao sector público. Neste senso, lembrou que unha das medidas que se inclúen na reforma do Ministerio establece que, se despois de tres anos estando ocupada por persoal eventual, esa praza non se oferta nunha OPE, non estaría autorizada.
Neste intre, as negociacións coas organizacións sindicais están á espera dun pacto entre o goberno español e as comunidades autónomas e a FEMP.
Falta de transparencia
A área pública da CIG denuncia a falta de transparencia na negociación, con reunións suspendidas á última hora e cruce de documentos, que confirman que a reforma se está negociando, unha vez máis, ás agachadas con CCOO, UGT e CSIF para logo presentar na Mesa Xeral unha documento previamente “cociñado” e que caerá nos mesmos erros dos acordos de 2017 e 2018.
Fronte a isto, a CIG esixe que a negociación sexa totalmente transparente e que todas as centrais sindicais con representación na Mesa Xeral teñan un coñecemento exacto do que se está a falar.