A CIG mobilízase contra a política de externalización de persoal e precarización laboral no Banco Santander
A CIG-Banca realizou este xoves dúas concentracións na Coruña en rexeitamento á política de externalización e precarización do traballo que vén aplicando o Banco Santander dende hai uns anos, de xeito paralelo á execución dos ERE. A primeira das concentracións realizouse diante do TSXG, onde tivo lugar o xuízo polo despedimento de tres delegados da CIG que traballaban no Centro de Procesamento de Datos de Orillamar do Pastor-Popular, a quen o Santander trasladou a unha auxiliar para que perderan as súa condición de representantes do persoal e posteriormente despedilos.
Estes tres delegados/as formaban parte do comité provincial da Coruña do Grupo Popular e a consecuencia do ERE de decembro de 2017, tras a adquisición da entidade polo Santander, foron externalizados a unha empresa do Grupo Santander en marzo de 2018 (Santander Operaciones), aínda que seguían operando dende a mesma oficina de Orillamar e realizando as mesmas tarefas. Pero en xullo de 2019, a entidade presidida por Ana Botín presentou un novo expediente para pechar esa centro e despedir a todo o seu persoal.
Neste proceso, a CIG presentou unha demanda por vulneración dos dereitos fundamentais, xa que pola súa condición de representantes do persoal, estes compañeiros tiñan que ser reubicados noutros centros do banco na provincia, tanto en oficina como en servizos centrais. Esta demanda é que se viu hoxe no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.
Esta práctica de externalizar persoal para precarizar e despedir, explica Rosa Conde, secretaria da Sección Sindical da CIG, é unha práctica habitual do Santander que se está repetindo en todos os ERE presentados dende 2017. "Entendemos que estes compañeiros teñen que ser reincorporados no banco nas mesmas condicións que tiñan", subliña Conde, quen apunta que con esta medida, a empresa tamén aproveitou para laminar a representación da CIG no comité provincial, "o que constitúe unha vulneración da liberdade sindical".
Neste senso, cómpre lembrar que a central nacionalista vénse opondo e mobilizándose aos distintos expedientes de regulación que a entidade encadeou nos últimos anos, a través dos que fixo un brutal axuste dos cadros de persoal e oficinas e precarizou condicións laborais e salariais, malia obter beneficios millonarios e repartir enormes dividendos entre o seu accionariado.
O Santander afonda na precarización
Por iso, a segunda concentración realizouse diante da oficina principal do Santander nos Cantóns, xa que a entidade afonda neste camiño de precarización laboral coa aplicación do ERE que lle asinaron CCOO e UGT en decembro. Como xa fixo en 2018, o banco vai expulsar forzosamente cara a outras empresas a uns 100 traballadores e traballadoras da rede de oficinas da Coruña e Santiago, que seguirán facendo tarefas bancarias pero nunha auxiliar do grupo que aplica o convenio colectivo de centros de chamadas, é dicir, cunhas condicións moi inferiores.
Neste senso, Conde advirte que a experiencia recente non augura un futuro laboral estábel para estas 65 compañeiras/os de Santiago e as 44 da Coruña. "Xa o vimos antes, co exemplo de Santander Operaciones, creada na Coruña en 2018 e pechada un ano despois. O que está a facer o banco é descentralizar os servizos que externaliza, pero sen un compromiso firme de continuidade, é dicir, sen garantía de que en calquera momento se volvan centralizar en Madrid estes traballos e se pechen estes novos centros".
Por se non fose dabondo, CIG-Banca alerta que dende Recursos Humanos están citando a persoas con situacións familiares vulnerábeis (como quen ten fillos/fillas a cargo con discapacidade por riba do 33%) para comunicarlles a súa expulsión forzosa a esa empresa do grupo. "A entidade non ten en conta as dificultades para poder conciliar que, especialmente nestes casos, supoñen os horarios de traballo no centro de destino, obrigando a estas persoas a ter que solicitar unha redución de xornada (menos salario) para poder atender a súa situación familiar. Porque o dereito a solicitar unha adaptación de xornada, que evitaría a perda económica dunha redución de xornada, non garante que a empresa o conceda".
CIG-Banca subliña que o Santander está comezando a execución do ERE e nos próximos meses continuarán aplicando o resto de medidas, despedimentos e traslados de até 100 km. "Dende a CIG rexeitamos este ERE e os anteriores. Nunha empresa que considera unha prioridade o reparto de dividendos na situación actual de pandemia, nunca aceptaremos un despedimento colectivo, porque non é o camiño para garantir os dereitos e a dignidade das persoas traballadoras", conclúen.