
A CIG mobilízase contra a decisión do goberno de non apostar por un modelo público de Correos a longo prazo

A CIG-Correos concentrouse esta mañá diante do Parlamento de Galiza para denunciar a decisión do goberno de non apostar por un modelo público como Correos para prestar o Servizo Postal Universal a longo prazo. A mobilización coincidiu coas promovidas polos sindicatos ELA, LAB e ESK en Euskal Herria

Ao contrario que no ano 2010, cando Correos foi nomeado polo goberno de José Luís Rodríguez Zapatero como prestador do SPU a través dun contrato programa de 15 anos 2010-2025, agora porén o RD Lei 9/2024 que vén de ser publicado só establece unha ampliación de 5 anos 2025-2030. Un prazo que suscita a preocupación da CIG no sector polo curto que é.
Xunto a isto, o responsable nacional de CIG-Correos, Jhon Vivanco denuncia que RD condiciona a Correos á aprobación dun Plan de persoal que “vai supoñer unha serie de recortes en persoal e unha desregulación funcional, laboral e retributiva dos traballadores e traballadoras”.

Servizo público, persoal empregado público
Vivanco explica que este RD Lei 9/2024 declara a Correos como prestador do Servizo de Interese Económico Xeral, algo que considera moi importante de cara a ser recoñecidos como servizo público. Advirte de que, porén, o mesmo RD “engade na disposición final cuarta un apartado para deixar claro que o persoal de Correos non é empregado público”. Por iso denuncia que esta é “unha oportunidade perdida para incorporar aos traballadores/as de Correos ao Convenio Único da Administración Xeral do Estado para que sexa considerado persoal empregado público de pleno dereito”.
Xunto a isto, o responsable nacional da CIG-Correos advirte de que “o SIEG (servizos esenciais que só poden ser prestados pola Administración) tamén pode ser prestado por filiais da Sociedad Estatal Correos y Telégrafos, é dicir mediante subcontratas”.

Servizo no rural
O RD Lei 9/2024 contén ademais unha serie de medidas lesivas de cara a prestar un Servizo Público Universal (SPU) de calidade ao contorno rural. Como exemplo, Vivanco explica que “para o cálculo do custo de prestación do SPU, só se contempla o ámbito urbano deixando excluído o ámbito rural. Algo totalmente incomprensible pois de todos é sabido que os contornos rurais son os máis deficitarios para Correos.
Tamén se contempla un hipotético escenario contractual de reparto de paquetería en tres días por semana e non de cinco días, como até de agora, así como o peche de oficinas de atención ao público dependendo da súa rendibilidade ingresos.
Por iso a CIG-Correos denuncia “este intento do Goberno que se di progresista, de deixar ou minguar servizos de Correos nos contornos rurais que afectaría gravemente e especialmente a Galiza”.