A CIG mobilízase contra a aprobación dunha reforma que constitúe un paso atrás no dereito a unha pensión digna
Baixo o lema “As Pensións Non Se Tocan!”, a CIG mobilizouse esta tarde nas sete cidades galegas en rexeitamento á reforma das pensións aprobada polo Goberno español e que se validará mañá xoves no Congreso das Deputadas e Deputados. Para a CIG esta reforma constitúe un paso atrás no dereito a termos unha pensión digna, xa que consolida os graves recortes introducidos en 2011 e 2013, afonda na privatización do sistema público e abre a vía a máis recortes no curto prazo.
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, advertiu que a aprobación deste Real Decreto polo Goberno autodenominado "máis progresista" supón a continuación das políticas de recortes do sistema público de pensións iniciadas no seu día por Zapatero (cuxa reforma de 2011 atrasou a idade de xubilación aos 67 anos e ampliou o período de cálculo dos 15 aos 25 anos) e ampliadas coa reforma de Rajoy de 2013.
"Esta reforma suma, xunto coa non derrogación da reforma laboral e da lei mordaza, incumprimentos graves do que o movemento social e o mundo sindical viñan reivindicando e que o propio Executivo de coalición se comprometera a levar adiante no acordo de investidura", valora Carril.
Neste senso, lamenta que UGT e CCOO sigan instalados na "renuncia a todo" e avalando este tipo de medidas, en vez de tomar o exemplo de Francia "á hora de confrontar os recortes e as políticas neoliberais impostas pola UE e tan obedientemente executada polos gobernos".
Os recortes están aí, a pesar da propaganda
"Porque, salientou o secretario xeral, por moito que esaxeren a propaganda e a ocultación, esta reforma contén recortes", pois tras un período transitorio, o período de cálculo das contías das novas pensións incrementarase dos 25 anos aos 29 anos (eliminando 24 meses).
Ao igual que xa ocorreu co paso dos 15 aos 25 anos, esta ampliación implicará un recorte nas contías que van cobrar as persoas menores de 50 anos. O propio Banco de España ten calculado que cada ano de aumento no período de cálculo significaría un 0,5% de redución da pensións.
Esta ampliación afectará de maneira máis grave ás mulleres e ademais perpetúase a fenda das pensións xa que as medidas que contempla a norma para reducila son escasas. Xunto a isto, Carril alertou que, malia a propaganda, as pensións mínimas seguen a estar por baixo da liña da pobreza.
Por se non fora abondo, a partir de marzo de 2025, e despois cada 3 anos, outórgaselle a potestade á AIReF (axencia neoliberal que presidiu no seu día o Ministro Escrivá e que está fóra do control democrático de ningunha institución pública) para avaliar a situación do sistema de pensións e propor medidas, que sen dúbida serán a base de retallos futuros.
Afondar na privatización
Para a CIG esta reforma é regresiva e enmárcase nunha formulación na que se están impulsando os plans privados de pensións, como xa fixo o Goberno de Pedro Sánchez en xullo de 2022, aprobando os denominados Plans de Pensións de Emprego. Un mecanismo que consisten na promoción -mediante a negociación colectiva- de plans de pensións privados en cada sector, xestionados por entidades financeiras ou aseguradoras, e que pretenden utilizar para avanzar na estatalización da negociación colectiva.
Fronte a isto o secretario xeral reclamou, máis unha vez, a recuperación da xubilación aos 65 anos, que se teñan en conta 15 anos para calcular a pensión e que se aprobe por lei de forma inmediata unha pensión mínima duns 1.200 euros, que é aproximadamente o importe equivalente ao 60% do salario medio, tal como recomenda a Carta Social Europea.