A CIG mobilízase no acto de conciliación polo despido dunha traballadora da cociña do hospital do Salnés
A CIG desenvolveu hoxe unha concentración diante do edificio administrativo da Xunta en Pontevedra coincidindo co acto de conciliación no SMAC polo despido dunha traballadora de Arcasa, concesionaria do servizo de cociña e cafetaría do hospital do Salnés. A rescisión de contrato, que se produciu tras volver dunha baixa provocada por unha grave enfermidade, irá finalmente a xuízo tras a negativa da empresa a readmitila.
A protesta tivo lugar de 9:00 a 10:00 horas ás portas do edificio autonómico para denunciar a complicidade da Xunta coa represión laboral que se vive neste servizo público dependente do Sergas. Dende a central sindical lembran que a empregada foi despedida por Arcasa como represalia por defender unhas condicións laborais dignas, tanto para ela como para o resto do persoal, polo que a CIG puxo o caso en mans da asesoría xurídica para reclamar a nulidade da decisión.
Ao mesmo tempo, optou por darlle unha resposta sindical “porque non podemos permitir que unha traballadora sexa despedida por esixir os seus dereitos”. Denuncian que a empresa non está a cubrir as baixas nin as reducións de xornada, sometendo ao seu persoal a unha sobrecarga de traballo “sobrenatural” e a uns ritmos de traballo “inasumíbeis”. De feito, na cociña traballan unicamente dúas persoas na actualidade, un/ha cociñeiro/a e un/ha axudante de cociña, que teñen que cociñar e empratar, e o axudante servir nas 80 habitacións que hai no hospital.
Isto require un triplo esforzo por parte do persoal, xa que ten que realizar o traballo das dúas persoas que faltan. Como consecuencia, estanse a producir atrasos no servizo de comidas e incumprimentos dos pregos de condicións da cafetaría, que obrigan a ter dúas persoas axudantes, e só hai unha. Esta situación foi posta en coñecemento da dirección do hospital do Salnés a través a xunta de persoal e da delegada sindical da CIG, sen que teña feito nada ao respecto.
Carga de traballo abusiva
Neste contexto, nada máis reincorporarse dunha baixa como consecuencia dunha grave enfermidade a traballadora afectada foi cambiada de posto (pasou da cafetaría á cociña) e sometida a unha carga de traballo abusiva. “O seguinte que fixeron foi despedirme argumentando que non rindo”, sinalou a propia empregada.
Finalmente, dende a central sindical sosteñen que tamén se están a producir incumprimentos en materia de prevención de riscos laborais: as estante rías da cociña e ao falso teito atópanse en mal estado, os enchufes están rotos ou presentan deficiencias, ademais de atoparse cerca de puntos de auga, o vertedoiro está moi deteriorado, prodúcese sobreesforzo á hora de lavar a louza porque unha persoa soa non pode coas bandexas, etc.
Estas deficiencias fóronlle trasladadas ao Sergas no mes de xuño, sen que polo momento tivesen resposta por escrito. “A única resposta foi o despedimento desta compañeira que se atopaba de baixa por graves problemas de saúde; cando en xuño se reincorpora atópase cunhas tarefas que lle supoñen un esforzo titánico, e cando se queixa a empresa opta por rescindirlle o contrato”.