A CIG mobilizarase por un novo marco regulador da enerxía para a industria galega
O próximo luns, 18 de decembro, a CIG mobilizarase na Coruña para esixir a derrogación do sistema de poxa eléctrica para industrias grandes consumidoras de enerxía (a coñecida como poxa de asignación da interrompilidade), por ser este un método perverso, opaco e inestábel, que de xeito permanente pon en tea de xuízo a continuidade de importantes fábricas do noso país como Alcoa, Ferroatlántica ou Megasa.
Con esta concentración, que terá lugar ás 11:30 horas diante da Delegación do Goberno (Praza de Ourense, s/n), quérese demandar a aprobación dunha nova regulación máis xusta e equitativa e a creación dunha tarifa industrial estábel, con variacións predecíbeis, á que se podan acoller as industrias grandes consumidoras, baixo determinadas condicións.
Para o ano 2018 o Goberno español aprobou unha poxa -que se iniciará o vindeiro luns- que, en principio, só vai dar cobertura a estas industrias dende o 1 de xaneiro ao 31 de maio, incrementando deste xeito as incertezas que marcan cada proceso e que non favorecen o normal desenvolvemento e planificación destas industrias.
As negativas consecuencias de toda esta situación vémolas cando industrias asentadas en Galiza, tanto as que desenvolven procesos produtivos intensivos no uso de enerxía (aluminio, aliaxes de ferro, etc.), como as que teñen menor consumo pero de grande importancia estratéxica na economía galega, poden perigar polos altos prezos da electricidade e con elas os miles de empregos que xeran.
Por unha tarifa eléctrica galega
A protesta enmárcase na campaña que a central sindical vén desenvolvendo dende hai anos en demanda dunha tarifa eléctrica galega que abarate o custe da enerxía tanto para o consumo doméstico como industrial, tendo en conta o peso do sector enerxético no noso PIB, que Galiza é excedentaria na produción de enerxía e que asume os custes sociais e ambientais desta actividade sen recibir beneficio ningún a cambio.
Con obxectivo de mudar esta situación, en 2015, a CIG promoveu e presentou no Parlamento unha Iniciativa Lexislativa Popular de Medidas para garantir a enerxía como servizo público para o desenvolvemento económico e industrial de Galiza, que foi aprobada por unanimidade polos grupos da cámara, pero que na súa tramitación o PP baleirou de contido, reconverténdoa nunha lei pola eficiencia enerxética, aprobada o pasado 4 de decembro tan só cos votos do partido de Feijoo.
A proposta da CIG contemplaba, entre outras moitas medidas, a creación dunha tarifa eléctrica galega partindo dunha redución do 30% das peaxes do sistema eléctrico, seguindo o camiño de Euskadi onde xa contan cunha tarifa industrial máis baixa, que significa un aforro estimado nuns 50 millóns de euros/ano. Porén, o PP rexeitou desenvolver para Galiza unha tarifa diferenciada por considerala "separatista", cando non tivo reparos en apoiar a creación da tarifa industrial vasca, nin para defender esa rebaixa tarifaria diante de Competencia da UE.
Sorprende tamén o silencio da Xunta de Galiza non informe preceptivo da CNMC, cando outras comunidades autónomas como Euskadi, Catalunya, Asturias ou Estremadura si presentaron propostas. É dicir, o Partido Popular de Galiza destrúe na práctica a ILP sobre medidas para garantir a enerxía como servizo público e contra a pobreza enerxética, mais non ten ningunha proposta para o subministro eléctrico á industria galega.
Regulación máis xusta
Fronte a esta deixamento, a CIG reivindica a derrogación do actual sistema de poxa de interrompibilidade, a aprobación dunha nova regulación máis xusta e equitativa e a creación dunha tarifa industrial estábel; a participación da Xunta no aproveitamento público de todos recursos enerxéticos, así como de todas as instalacións de produción, distribución e transporte existentes en Galiza; a implantación dunha tarifa eléctrica máis baixa para Galiza; a diversificación das fontes de enerxía; e un plano de medidas para garantir o aceso á enerxía como dereito universal de todas as persoas ao benestar social e para erradicar a pobreza enerxética.