A CIG mobilizarase contra o peche do centro de control de Iberdrola en Ourense
A federación de Industria da CIG inicia mobilizacións para reclamar o mantemento do Centro de Operación de Cuenca (COC) no río Sil, que Iberdrola pretende pechar para trasladar a Salamanca, afondando no proceso de desmantelamento industrial de Galiza. Deste xeito, a central convoca unha concentración este mércores 24 na Rúa, na comarca de Valdeorras, ás 11:30 horas.
Á campaña de denuncia pública e de xestións institucionais encamiñadas a forzar a Iberdrola a dar marcha atrás na súa decisión súmase agora a convocatoria de protestas para evitar a perda das instalacións nas que se controlan as centrais hidroeléctricas que a compañía ten no noso país.
A central púxose en contacto cos tres grupos políticos con representación no Parlamento galego para que apoien as súas reivindicacións e promovan iniciativas instando a Iberdrola a manter o centro de control en Galiza e reclamando a implicación da Xunta.
Tamén se dirixiu tanto á Deputación Provincial de Ourense como ao Concello da Rúa para que tomen partido tamén na loita para evitar a perda dunhas instalacións nas que traballan 16 persoas.
Agora vén de convocar unha concentración diante do COC do río Sil, ubicado na localidade valdeorresa da Rúa, este mércores 24 a partir das 11:30 horas.