Mobilizacións o 6 de outubro para exixir medidas urxentes para enfrontar a crise e a pobreza

Haberá asembleas de delegadas/os e protestas nas sete comarcas
- 03 Out 2022

O próximo xoves, 6 de outubro, a CIG ten convocadas asembleas de delegadas e delegados e mobilizacións en todas as comarcas para exixir que se adopten medidas que eviten que a clase traballadora sexa quen pague a nova crise. As protestas enmárcanse na campaña para demandar a aplicación das 10 medidas urxentes contra a crise e a pobreza propostas pola central nacionalista.

HORAS E LUGARES DAS MOBILIZACIÓNS

- A Coruña: 12:00h, concentración na Delegación do Goberno.

-Ferrol: 12:00h, concentración na Praza Amada García (edificio da Xunta).

-Lugo: 12:30h, concentración na Subdelegación do Goberno.

-Ourense: 11:30h, concentración na Subdelegación do Goberno.

-Pontevedra: 12h:00, concentración na Subdelegación do Goberno.

-Santiago de Compostela: 12:00h, manifestación con saída no Centro Sociocultural de Fontiñas até o complexo administrativo da Xunta.

-Vigo: 12:00h, manifestación con saída da rúa Vázquez Varela (Padres Capuchinos).

A grave situación económica e social que atravesamos confirma a insuficiencia das medidas do chamado Plan de Resposta Económica á Guerra que vai parello á aprobación dun duro paquete de reformas (laboral, das pensións, privatización do INEM etc.) para satisfacer as inxustas e fortes exixencias da UE e poder acceder a uns fondos europeos que nos están a hipotecar para o futuro.

A isto hai que engadir as consecuencias das nulas actuacións do Goberno galego do PP, que nos arrastra a unha Galiza sen emprego e industria, con importantes sectores produtivos e comarcas agonizando e coa único preocupación de servir aos intereses do capital.

Por iso non queda outra que actuar e intensificar a mobilización ante os Gobernos galego e central, para que nos próximos orzamentos se aproben medidas de intervención pública na economía e nos sectores estratéxicos e un verdadeiro Plan de Choque urxente para frear os efectos devastadores dos altos prezos e para afrontar unha saída galega xusta da crise. Mais tamén cómpre dar resposta ante a patronal na negociación colectiva para acabar cos baixos salarios e coa pobreza salarial.

En palabras do secretario xeral da CIG, Paulo Carril, neste momento histórico "necesitamos ir a máis na nosa capacidade de confrontar contra o roubo e saqueo á clase traballadora que estamos a vivir, como tamén necesitamos que a solidariedade e unidade da clase traballadora, siga demostrando que pode con todo".